Non é habitual que Pontevedra acapare as miradas da música internacional. Quizá a vez anterior fora, alá por 1999, co concerto que ofreceu Elton John na praza de todos. Pero este 2025 volveuno a conseguir. Fíxoo coa actuación dunha das grandes estrelas da música, a estadounidense Jennifer Lopez. En xullo, a actriz e cantante elixiu a cidade do Lérez como punto de inicio de Up All Night, a súa xira por Europa. Preto de 14.000 espectadores xuntáronse no parque de Tafisa para vibrar co extraordinario espectáculo que JLo ofreceu en Pontevedra, todo un despregamento de luces, imaxes, baile e, por encima de calquera outra cousa, un repaso a unha discografía chea de éxitos. Foi unha hora e case 50 minutos de concerto no que Lopez confirmou por que é unha das divas por excelencia do mundo da música. Até seis cambios de vestiario, un espectáculo visual que non parou de sorprender e grandes chiscadelas como una mantilla española bordada, unha guitarra española ou un piano mantiveron ao público pontevedrés atento durante todo o show. [galleries:horizontal:10572] Soaron temas como On the Floor, Ain't Your Mama, Waiting for tonight, Let's Get Loud ou Love Don't Cost a Thing, xunto con outros en español como Gracias a la vida, Qué hiciste y Si una vez. Todos os seus grandes éxitos, salvo El anillo, que o público esperaba nun bis que non chegou. Ademais da súa actuación en Pontevedra, a artista aproveitou a súa estancia nas Rías Baixas para gozar da súa gastronomía, comendo entre outros sitios en La Ultramar, ou para descansar nas instalacións do Gran Hotel da illa da Toxa. Este concerto de Jennifer Lopez na Boa Vila foi o 'aperitivo' ao novo festival que aterrou na cidade, o Bigsound Pontevedra, que reuniu máis de 35.000 persoas durante dous días. Logrouno cun cartel con grandes artistas da música urbana como Nicky Jam, Juan Magán, Abraham Mateo, Luck Ra ou Rels B, aos que se sumaron Tanxugueiras, Omar Montes, Amaia ou Leire Martínez, no que foi un dos seus primeiros concertos tras saír de La Oreja de Van Gogh. [galleries:horizontal:10582] [galleries:horizontal:10586] Con este Bigsound, Pontevedra confirmouse como destino festivalero, xa que, un ano máis, a cidade acolleu unha nova edición do seu festival de referencia, o Surfing the Lérez, que este ano recibiu ademais dous galardóns nos Premios da Industria Musical de Galicia. Pola Illa das Esculturas pasaron, entre outros, King África, Shego, Repion, Miguel Costas, Anaut, Ortiga, Ángel Stanich, Alba Reche, Arizona Baby ou Grande Amore, animando o que se converteu en toda unha romaría urbana que cada ano gaña máis adeptos. E, como broche de ouro ao verán musical, chegou de novo o festival Río Verbena, no que miles de persoas gozaron os concertos de Coque Malla, Loquillo, Álvaro de Luna, Andrés Suárez, Xoel López, Pignoise, Carlos Sadness ou Nil Moliner. [galleries:horizontal:10698] [galleries:horizontal:10699] Entre estes dous festivais, Pontevedra tamén vibrou coas súas Festas de Verán, que volveron encher de actividade lúdica e cultural a cidade durante máis de dous meses. E nelas, como non podía ser doutra maneira, a música tivo un protagonismo especial. Foi, sobre todo, durante a semana grande, as Festas da Peregrina, polas que pasaron, entre outros, Lendakaris Muertos, Marina Reche, Rosario Flores, The Rapants, Paloma San Basilio, Iván Ferreiro e León Benavente ou a banda G5, liderada por Kiko Veneno. [galleries:horizontal:10677] [galleries:horizontal:10667] [galleries:horizontal:10687] [galleries:horizontal:10663] [galleries:horizontal:10653] [galleries:horizontal:10660]