"Non pedimos privilexios, pedimos igualdade sanitaria", protestan os mutualistas de Muface

Wait 5 sec.

Mutualistas de Pontevedra trasladaron este luns 29 de decembro a súa protesta á sede de MUFACE na rúa Sagasta para reclamar solucións urxentes ante o que consideran unha deterioración progresiva da atención sanitaria que reciben. A mobilización, impulsada pola Plataforma MufaceSÍ, forma parte da campaña na que recolleron 15.000 sinaturas en distintas comunidades autónomas e a lectura dun manifesto con demandas concretas dirixidas a garantir unha atención "digna, equitativa e segura". Os convocantes denuncian que, desde a entrada en vigor do novo concerto sanitario, os mutualistas constatan unha perda real de prestacións, con redución de cadros médicos, desaparición de especialistas, aumento de listas de espera e maiores dificultades para acceder á atención urxente. Unha situación que, segundo subliñan, xera inseguridade sanitaria e agrava a desigualdade territorial. A portavoz estatal da plataforma, María Jesús Garrido, explicou que as sinauturas proceden tanto de recollidas físicas "máis de 5.000, sobre todo de persoas maiores que se mobilizaron en colexios e asociacións" como da campaña dixital, que supera as 10.000 adhesións. "É unha iniciativa de ámbito estatal. Recollémolas en Galicia para entregalas xuntas e facer máis presión, pero hai firmas de Canarias, Aragón, Castela e León ou Estremadura, onde o incumprimento do convenio rural é especialmente grave", sinalou. Entre as principais reivindicacións figura a eliminación do copago farmacéutico do 30 % que soportan os mutualistas tras a xubilación. Garrido denunciou que se trata dun "agravio comparativo" respecto dos xubilados da Seguridade Social: "Nunha etapa na que baixan os ingresos e aumentan as necesidades médicas". Garrido explica que "nós si ou si, o 30% temos que pagalo sempre". Protesta de mutualistas ante MufacePontevedraViva Outra das demandas centrais é o uso do 112 tanto para urxencias vitais como non vitais. Os mutualistas reclaman que non se lles obrigue a decidir, nun momento de necesidade, se a súa situación é ou non vital. "Non somos médicos para determinalo. O 112 é un número único e universal e debe poder utilizarse sen medo a recibir despois facturas desmesuradas", defendeu Garrido A portavoz alerta das dificultades prácticas dos teléfonos específicos das aseguradoras, especialmente fóra do horario dos centros de saúde. A plataforma tamén esixe a garantía de atención urxente as 24 horas cando o desprazamento supere os 10 quilómetros, independentemente de que se trate de zonas rurais ou urbanas. "O peche de centros a partir do oito da tarde deixa desprotexidas a moitas poboacións e supón un risco engadido para persoas maiores e pacientes vulnerables", advirten. Nesta liña, reclaman a integración plena do 112 coa asistencia de MUFACE, de modo que o sistema de emerxencias derive directamente ás aseguradoras e coordine os recursos dispoñibles. Ao seu xuízo, a falta de coordinación actual provoca atrasos, confusión e desprotección do mutualista. "Non pedimos privilexios, pedimos igualdade sanitaria", aseguran. Durante a protesta tamén tomaron a palabra persoas afectadas que denunciaron a perda de especialistas e a redución de opcións asistenciais. Unha funcionaria xubilada explicou que nunca tivo opción de elixir a Seguridade Social e que toda a súa vida laboral estivo en MUFACE. "Non me considero unha privilexiada. Grazas ás concertadas non está aínda máis masificada a sanidade pública, e aínda así na miña especialidade só hai un especialista en Pontevedra", lamentou. José Javier Martínez e María Jesús Garrido na protesta diante da sede de Muface en PontevedraPontevedraViva Recoñecen que 65.000 mutualistas de toda España nos últimos meses xa se pasaron á Seguridade Social abandonando Muface: "si a Atención Primaria está colapsada, que queres? meter agora a un millón e medio de funcionarios para que se colapse máis? A Seguridade Social todos sabemos o que é, pero non está a funcionar, porque non se está xestionando ben", apuntaba Garrido. O secretario de comunicación da Confederación Española de Policía en Galicia, José Javier Martínez, subliñou que a protesta aglutina a funcionarios de distintos corpos e sectores. "Nestes máis de 50 anos vimos como se perdían médicos e centros, e como moitos compañeiros teñen que pór diñeiro do seu peto para atenderse. Non pode ser que ao chegar a xubilación haxa que elixir entre pagar medicamentos ou cubrir necesidades básicas", afirmou. Os mutualistas reclaman ademais un control efectivo do cumprimento do concerto sanitario. "Non entendemos como se está desangrando unha vértebra tan importante da sanidade pública en España porque nós somos recurso da función pública e esiximos que se cumpra aquilo que asinamos cando entramos a formar parte da institución pública do Estado", indicou Martínez, que tamén reclamou seguridade xurídica e estabilidade para un modelo "que leva máis de medio século funcionando". A plataforma advirte de que a incerteza xerada por prórrogas de última hora e a falta de información clara alimentan a desconfianza e a angustia entre os mutualistas. "A atención sanitaria non pode vivir nunha indefinición permanente. Calquera cambio debe facerse de forma planificada e con garantías, sen deixar desprotexidas a milleiros de persoas", conclúen.