A continuidade de Sergio Carballeira no Teucro "vai depender dunha situación persoal"

Wait 5 sec.

A etapa de Sergio Carballeira como adestrador da Sociedad Deportiva Teucro arrincou este luns 29 de decembro coa súa presentación oficial no Pavillón Municipal dos Deportes. O técnico asegurou estar "moi ilusionado de poder volver ao meu club, onde me criaron, no que estiven desde os 5 anos e onde vivín as mellores épocas deste club". Tanto é así que "sabía o momento que saín que volvería para adestrar o primeiro equipo, aínda que quizais non é na situación soñada". Carballeira regresa a casa de momento só até final de tempada, aínda que tanto o Teucro como el mesmo falan abertamente do obxectivo de poder desenvolver un proxecto a medio-longo prazo. Todo iso "vai depender sobre todo dunha situación persoal", xa que para aceptar a oferta teucrista tivo que separarse por uns meses da súa parella, que quedou en Benidorm. Por iso foi unha decisión difícil, pero "o corazón e o teucrismo púidome, xa que deixo moitas cousas atrás", recoñeceu o novo adestrador azul. Presentación de Sergio carballeira como adestrador do TeucroPontevedraViva A pesar desas dificultades "se de aquí aos 5 meses o corazón segue podendo e aquí pódese facer un proxecto a longo prazo, pois seguro que non hai problema, de feito as condicións están pactadas xa", revelou na súa primeira comparecencia ante os medios de comunicación. Ese proxecto do que fala vai "máis aló do primeiro equipo, porque creo que hai que sentar unhas bases moi importantes si o club quere crecer, non vale nada poñer o obxectivo de ascender a Prata se logo non hai unha consolidación importante para que iso perdure no tempo". Do mesmo xeito falan desde a entidade pontevedresa, insistindo en "fortalecer tanto a estrutura de base como a estrutura económica financeira do club" para dese modo "poder alcanzar a medio longo prazo as cotas máis altas deportivas", mirando mesmo cara á Liga Asobal, afirmou Carlos García-Alén en representación da Xunta Xestora do Teucro. Pero iso queda aínda moi lonxe, e a nivel deportivo na segunda volta do campionato en Primeira Nacional, cos postos de play-off a unha distancia importante "non sería coherente se dixese que o obxectivo ten que ser ascender". Si o é lograr "ser moi competitivos, enganchar a afección, facer un balomado que teña unha liña de identidade, que a xente senta identificada, que lle guste vir ao pavillón porque vexa o equipo comprometido". Se logran iso e os resultados acompañan "temos obrigar os demais ademais facer os deberes. Se os demais non cumpren co que teñen que facer, temos que estar aí e temos que estar a pelexar até o final", sentenciou o novo técnico teucrista.