O vindeiro luns 5 de xaneiro, vespera da celebración de Reis, a ilusión visitará o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra da man das Súas Maxestades de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar, acompañados polo seu séquito de paxes reais. Os Reis Magos repartirán agasallos e momentos de emoción entre os pacientes infantís ingresados no Hospital Provincial, así como entre os seus familiares, durante unha mañá que promete ser inesquecible, grazas á colaboración da Asociación Cultural O Chopo, promotora da iniciativa. Durante a tarde, ás 17:00 horas, trasladarase ao salón de actos do hospital Montecelo, para recibir os fillos e fillas dos profesionais do sistema sanitario público. Alí, nenos e nenas poderán recoller doces e presentes, nun ambiente festivo preparado para celebrar en familia e con solidariedade. Para facilitar que cada cativo teña o seu agasallo persoal, os paxes reais comunican que aquelas familias interesadas poden depositar os presentes no mostrador principal de Información do hospital Montecelo, desde o domingo 4 ata as 16:00 horas do propio luns 5. Os agasallos poden engadir unha breve nota personalizada e algunha mensaxe específica. Con esta iniciativa, os promotores queren que ningún neno quede sen a súa dose de alegría nesta data tan especial.