A Carballeira e o Xardín Botánico de Caldas de Reis serán protagonistas absolutos en 2026 co inicio dunha profunda recuperación impulsada polo Concello. Así o confirma o tenente de alcalde, Manuel Fariña, ao facer balance dos avances acadados en 2025 e poñer o foco nos plans estratéxicos para o novo ano, co obxectivo de devolver a estes espazos emblemáticos a relevancia histórica e o esplendor perdidos. Os traballos previstos inclúen a rehabilitación dos espazos verdes, cunha intervención integral que estará rematada antes do verán. Paralelamente, avanza a redacción dun ambicioso proxecto turístico e de musealización, que contempla a apertura dun centro de visitantes equipado con tecnoloxía de última xeración. Neste proxecto destacará a incorporación de "videomapping" e experiencias inmersivas para atraer visitantes e divulgar o valor singular da Carballeira, declarada Ben de Interese Cultural (BIC). Fariña subliña que esta reforma é "fundamental e decisiva" para a vila, e lembra que o Concello xestiona unha subvención de 1,4 millóns de euros para executala, apoiando unha transformación que repercutirá na calidade ambiental, no atractivo turístico e na satisfacción da veciñanza. O esforzo municipal xa ten recibido recoñecementos como os galardóns 'Vilas en Flor', que fan referencia ao traballo en materia de medio ambiente. Manuel Fariña, na Carballeira de CaldasConcello de Caldas de Reis BALANCE DE 2025 No balance xeral de 2025, o tenente de alcalde tamén destaca a mellora de instalacións deportivas moi utilizadas pola cidadanía, como o pavillón (actualmente en obras, con vestiarios renovados e unha nova sala polivalente), o campo de fútbol das Corticeiras (con nova iluminación e cuberta) e a pista multideporte na Tafona. Estas actuacións responden á crecente demanda social de espazos adaptados para a práctica deportiva e o avance de Caldas como punto de referencia en probas galegas e estatais, especialmente tras confirmar a acollida do Campionato de España de Trail Running en 2026. No ámbito cultural, a programación de festas e actividades municipais rexistrou unha participación récord, citando como exemplos a Festa da Primavera, o San Xoán ou o Entroido, que volveron dar protagonismo á veciñanza e mantiveron o papel de Caldas como referente comarcal. En materia urbanística, o tenente de alcalde destaca a humanización da praza do Campo da Torre, que seguirá o 'modelo BNG' de calidade urbana acadado mediante negociación política e acordos de goberno, sumándose á transformación urbana de espazos públicos que melloran a convivencia e a imaxe da vila. Manuel Fariña sinala que a redacción do proxecto de humanización desa contorna foi unha esixencia do Bloque ao PSOE, socio de goberno, en 2021, conseguindo financiación a través do Plan Extra da Deputación.