2025 | Compromiso firme de institucións e cidadanía contra o xenocidio en Gaza

Wait 5 sec.

Pontevedra fixo seu o clamor internacional contra o xenocidio en Gaza e, durante o ano 2025, sucedéronse mostras de apoio tanto por parte do Concello como da sociedd civil que se manifestou masivamene en apoio ao pobo palestino ou os distintos negocios da cidade. O primeiro gran xesto chegou en xuño, cando na fachada do edificio administrativo do Concello de Pontevedra en Michelena 30 despregouse unha bandeira palestina como símbolo de apoio á cidadanía que está a sufrir os ataques por parte de Israel. A iniciativa, apoiada polos grupos políticos do BNG e do PSOE, pretende visibilizar a situación crítica ante o xenocidio" que se vive en Gaza e mostrar a solidariedade da cidade co pobo palestino. Desde entón, as mostras de apoio e solidariedade non pararon e mesmo nun pleno a Corporación municipal esixiu o cesamento inmediato das hostilidades en Gaza e aprobou 'vetar' ao estado de Israel na cidade. Unha moción presentada polo PSOE para condenar a barbarie do xenocidio en Gaza saíu aprobada e mesmo emendada polo BNG para prohibir a participación en eventos deportivos, culturais ou doutra índole de "entidades que representen ao estado de Israel ou sexan financiados por el". O respaldo municipal, en todo caso, tivo o voto discrepante do PP, que e mesmo o portavoz 'popular', Rafa Domínguez, instou á Fiscalía a investigar como delito de odio o veto a Israel na cidade. Ese apoio municipal tamén se plasmou no económico. O Concello de Pontevedra destinou 15.000 euros para axuda humanitaria a Gaza, unha achega tramitada a través da UNRWA, a axencia da ONU para os refuxiados de Palestina en Oriente Próximo, co obxectivo de contribuír a garantir o dereito á protección e á saúde das persoas máis vulnerables. O embaixador de Palestina en España, Husni Abdel Wahed, chegou a mostrar a través dunha carta o "máis sincero agradecemento" do pobo palestino polo "compromiso firme" de Pontevedra contra o xenocidio de Israel en Gaza. Foi especialmente visible o apoio da rúa, con iniciativas como o acto cidadán de apoio organizado o 14 de xuño na praza da Ferrería, no que centos de persoas alzaron a voz, converténdose nun "clamor polo cesamento do fogo definitivo e o cumprimento inmediato das condicións máis básicas que esixe a legalidade internacional e os Dereitos Humanos". As rúas e prazas de pontevedra foron testemuñas de mobilizacións multitudinarias, algunhas case sen precedentes na cidade, para mostrar o rexeitamento ao xenocidio ou o apoio á Flotilla Sumud Global, algunha mesmo baixo a choiva. Especialmente multitudinaria foi a celebrada o 3 de outubro, unha das máis numerosas dos últimos anos na cidade, con miles de persoas mostrando na rúa o seu rexeitamento a que o exército israelita interceptase a flotilla de apoio a Gaza a menos de cen millas náuticas da costa de Gaza, en augas internacionais. Ese respaldo cidadán púidose ver en todo tipo de establecementos comerciais, que se sumaron á campaña solidaria 'Pontevedra con Palestina', na que o Concello repartiu carteis para mostrar o respaldo da cidadanía pontevedresa ao pobo palestino en escaparates e propiedades privadas. Ademais, a plataforma 'Pontevedra con Palestina' logrou un gran respaldo de locais coa súa campaña 'Un Espazo, Unha Familia' para apadriñar a familias gazatíes que están a sufrir o xenocidio. Tamén houbo incidentes negativos, pero que na cidade foron feitos illados. É o caso da situación sufrida por unha comerciante da rúa Peregrina á que chegaron a chamar "nazi" por colgar no seu escaparate un cartel coa bandeira de Palestina. Visible foi tamén ese apoio durante o paso de La Vuelta pola provincia, que non esquivou as protesas de apoio a Palestina, apoiadas ao seu paso pola cidade de Pontevedra polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e membros destacados do BNG, mentres que dirixentes do PP como o presidente da Deputación, Luís López, criticáronas. Nesta provincia, o 9 de setembro, la etapa de La Vuelta tivo que recortar o seu tramo final, a 8 quilómetros da meta, á altura de Mos, polas protestas condenando a ofensiva militar de Israel en Gaza. No ámbito cinematográfico, o ciclo 'Amal en ruta', celebrado no mes de setembro e que ten como obxectivo achegar á sociedade a cultura árabe a través do cine, abordou de forma específica o conflito en Palestina e axudou a ofrecer unha visión ampla e multidimensional desta realidade tan heteroxénea. Ese apoio ao pobo palestino tamén foi visible noutros puntos da comarca ou as comarcas próximas. En Vilagarcía, por exemplo, o Festaclown foi especialmente reivindicativo. Ademais, tres veciñas do Salnés acamparon diante do Parlamento Europeo para esixir o fin do conflito en Palestina. Este compromiso continuará en 2026. O Concello anunciou que a edición número 27 do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará entre os días 6 e 22 de marzo, contará con Palestina como país invitado.