Antonio converteuse este 1 de xaneiro de 2026 no primeiro bebé nacido na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. O seu nacemento tivo lugar ás 15:36 horas no Hospital Público do Salnés. A súa chegada marca o inicio do ano cun motivo de alegría para profesionais sanitarios e familiares, nunha xornada na que non se rexistraron partos, ata a tarde deste xoves, no Hospital Provincial do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés. Os pais de Antonio expresaron o seu agradecemento polo interese mostrado polos medios de comunicación, aínda que solicitaron que non se difundan imaxes nin información adicional sobre este nacemento para preservar a súa esfera persoal e familiar. O primeiro bebé de Galicia neste aninovo foi Coral, unha nena que naceu no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ás 00:00 horas. No Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Hospital Público da Mariña lucense rexistrábanse outros dous nacementos nas primeiras horas do ano.