O Servizo de Emerxencias do Concello de Cambados interveu durante a madrugada deste 1 de xaneiro de 2026 nun accidente de tráfico rexistrado na estrada EP-9002, á altura de Modia en Vilariño. Á súa chegada ao lugar do sinistro, os equipos comprobaron que o condutor do turismo implicado abandonara o lugar. Axentes da Garda Civil de Tráfico iniciaron as tarefas para localizar a persoa que conducía o turismo accidentado. Segundo os primeiros indicios, o vehículo atravesou a calzada e subiu á beirarrúa antes de impactar contra a base dun farol de propiedade municipal, provocando danos de consideración na parte dianteira do turismo e na infraestrutura. As causas do accidente están a ser investigadas polos axentes. O turismo impactou contra o farol ao saírse da víaServizo de Emerxencias Doutra banda, ás 7:18 horas, o servizo do 112 Galicia notificou outro accidente no municipio de Caldas de Reis, onde se rexistraron feridos, sen que ata o momento se facilitaran máis detalles sobre o estado dos implicados. Os servizos de emerxencias lembran a importancia de aumentar a precaución ao volante, especialmente nestas xornadas festivas nas que se producen numerosos desprazamentos.