Novo ano, nova subida de prezos das peaxes na AP-9

Wait 5 sec.

Trasladarse pola AP-9 encarécese este 1 de xaneiro de 2026 e viaxar entre Vigo e A Coruña xa alcanza os 21,40 euros, cunha suba de 0,95 céntimos. Tal e como sinalaba o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, as tarifas da autoestrada AP-9 sofren desde este xoves unha subida do 4,68%, situándose na banda máis alta dos incrementos autorizados para as vías estatais en España. Esta actualización responde á inflación acumulada e á recuperación graduada das subvencións que o Goberno aplicou en 2023 para mitigar a crise de prezos, segundo o Ministerio. O incremento tradúcese en subas que oscilan entre os 20 céntimos e case o euro nos traxectos máis longos para os vehículos lixeiros. Desta forma viaxar entre Pontevedra e Vigo pola AP-9 pasa dun prezo de 4,85 a 5,05 euros (+0,20); mentres que o traxecto entre Pontevedra e Santiago de Compostela pasa de 7,20 a 7,55 (+0,35). BONIFICACIÓNS A pesar do encarecemento, o Ministerio mantén o paquete de bonificacións para paliar o impacto nos usuarios habituais. Estas son as axudas que seguen activas: Gratuidade da viaxe de volta: Os vehículos lixeiros que realicen o traxecto de regreso nun prazo máximo de 24 horas (sempre que se use o sistema de telepeaxe Vía-T) terán a viaxe de volta gratis. Descontos adicionais: Mantense a bonificación do 20% adicional para aqueles que realicen máis de 10 viaxes mensuais no mesmo tramo. O traxecto enttre Pontevedra e Vigo é empregado por 16.905 coches diarios de media, segundo datos do Goberno. A DGT anuncia que este 1 de xaneiro entra en vigor o uso obrigatorio da baliza V16DGT BALIZA V16 A suba das peaxes non é a única novidade que trae este 1 de xaneiro para os condutores. Desde este xoves, a baliza V16 conectada pasa a ser o único dispositivo legal para sinalizar avarías ou accidentes na estrada. Este elemento substitúe os tradicionais triángulos de emerxencia. A normativa da Dirección Xeral de Tráfico establece que xa non é válido o uso de triángulos nin de balizas luminosas que non teñan conexión coa plataforma DGT 3.0. Este dispositivo, que se coloca no teito do vehículo sen necesidade de saír do habitáculo, xeolocaliza o coche inmobilizado e envía un sinal automático ás autoridades de tráfico e aos paneis informativos da vía. Segundo a DGT, este sistema mellora a seguridade e permitirá reducir o núemro de atropelos na beiravía.