A Casa da Cultura de Riomaior será este sábado, 3 de xaneiro, o escenario para a maxia en Vilaboa. A cita, enmarcada no circuíto +Escénicas da Deputación de Pontevedra, trae ao municipio o show "Sim Salabim", protagonizado polo Mago Javier Muro, que combina maxia, teatro e monicreques para público de todas as idades. O espectáculo dará comezo ás 20:00 horas e promete enganchar a grandes e pequenos cunha posta en escena onde os bonecos cobran vida: móvense, falan e ata fan maxia, convertendo a propia historia nun xogo de ilusións sobre o escenario. Os personaxes aparecen, desaparecen, voan ou discuten entre eles, creando unha sesión chea de entretemento e humor para toda a familia. "Sim Salabim" dura 55 minutos e é unha das propostas da segunda edición do programa +Escénicas, a iniciativa provincial que achega espectáculos de teatro, danza e artes escénicas. Ao longo desta edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026, representaranse un total de 136 funcións en 50 concellos de Pontevedra, con espectáculos escollidos dun catálogo dispoñible no web oficial da Deputación.