O primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol regresou este luns 29 de decembro aos adestramentos tras o parón do Nadal, e fíxoo cun ollo posto no duelo de rivalidade contra o Racing de Ferrol e co outro na inminente apertura do mercado invernal de fichaxes. Este último aspecto foi valorado pola presidenta granate, Lupe Murillo, na Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas celebrada no Estadio Municipal de Pasarón. Por unha banda a dirixente recoñeceu que Hervías xa é historia no Pontevedra sen chegar a debutar en competición oficial. "Neste mercado de inverno está liquidado e a súa ficha está dispoñible. A negociación está pechada", afirmou. A esta ficha liberada únase a de Juanra, debido á súa grave lesión de xeonllo. "Está a tentearse o mercado para cubrir esas dúas posicións que perdemos", confirmou Lupe Murillo a expensas doutras posibles saídas e chegadas. A presidenta recoñeceu ademais que "a primeira opción que chamamos" e por tanto sondado tras a lesión de Juanra é a posible volta de Pelayo Suárez, futbolista que no tramo final da pasada campaña tamén rompeu o ligamento cruzado defendendo os granates. Con todo "o seu axente díxonos que non o ve para competir en xaneiro", explicou Murillo aos accionistas. No que respecta ao regreso aos adestramentos, o resto de futbolistas do primeiro plantel estiveron presentes na sesión celebrada en horario de tarde no Complexo Deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira. Case todos ademais en perfectas condicións, fóra dun Brais Abelenda que sofre unha microrrotura fibrilar na fascia e que perderá con total seguridade o primeiro partido do ano.