O Pontevedra Club de Fútbol celebrou este luns no Estadio Municipal de Pasarón a súa Xunta Xeral Ordinaria de Accionistas, expoñendo as contas da entidade a exercicio pechado o pasado 30 de xuño, é dicir, cos números correspondentes á tempada 24-25. Uns números nos que destacaron as cifras ingresadas pola participación na Copa do Rei, avanzando até os oitavos de final chegando a enfrontarse a tres equipos da Primeira División. Neste sentido segundo explicou Enrique Mariño, conselleiro encargado da parcela económica, "case medio millón de euros xerouno a Copa do Rei", cunha partida de ingresos por competicións que se disparou até os 623.402 euros (polos 235.355 euros da tempada anterior). A iso súmanse os 485.168 euros ingresados por abonados e socios (167.511 euros máis). Con ese aumento de ingresos o superávit foi despois de impostos de 126.674 euros, xa que os gastos foron finalmente a 2.244.008 euros ao incrementarse en máis de medio millón a previsión aprobada na xunta anterior. Isto explícase, segundo o propio Mariño, porque "o ingresado na Copa do Rei aproveitámolo para sanear o balance e sobre todo baixar o endebedamento". Nese apartado en concreto, a débeda total do club reduciuse a 30 xuño até os 818.347,48 euros (polos 974.083 euros reflectidos na anterior reunión cos accionistas). Na Xunta Ordinaria aprobouse ademais un orzamento para a presente tempada 25-26 en Primeira RFEF de 2.375.167,96 euros. No encontro acudiron 57 accionistas do club granate, representando o 69,42% total das accións. Todo iso cun Consello de Admnistración con cinco dos seus integrantes (Lupe Murillo, Juan Abal, Enrique Mariño, Manuel Ruibal e Ricardo Tilve), coas ausencias de Charles e de Diego Murillo, o primeiro por non atoparse na cidade e no último caso "por un proceso gripal", xustificou a presidenta. No seu informe da tempada, Lupe Murillo afirmou que se pechaba unha tempada que "a nivel social creo que foi un éxito para a cidade". A dirixente defendeu ademais, para pór en perspectiva o éxito deportivo conseguido, que examinados os orzamentos finais dos equipos contra os que competiron "dos 90 clubs de 2ª RFEF o Pontevedra Club de Fútbol era só o oitavo con maior orzamento". Por último confirmou que na actualidade a entidade granate conta con "case 3.900 socios" e mostrouse pouco partidaria a lanzar unha campaña de abonados para a segunda volta do campionato porque "a min gústame que a xente suba ao carro desde o principio", defendeu.