Recta final nas inscricións para a San Silvestre, con máis de 4.000 dorsais repartidos

Wait 5 sec.

A San Silvestre de Pontevedra 2025 entra na recta final do seu período de inscrición, cos días dunha maior afluencia de persoas interesadas en participar na gran festa deportiva. Faino ademais este luns 29 de decembro desde unha nova localización, trasladando a operativa ao número 3 da Rúa Castelao. Confirma a Sociedad Gimnástica, organizadora da San Silvestre, que entre as inscricións particulares e as reservadas para os clubs da cidade ao comezo de semana superouse xa a barreira dos 4.000 dorsais repartidos. O horario para poder apuntarse será estes últimos días e até o propio 31 (se non se chega antes ao límite de 7.000 participantes) será de 10.30 a 13.30 horas e de 17.30 a 20.30 horas. Como cada ano a inscrición para a San Silvestre de Pontevedra é de balde, coa única petición de colaborar na recollida solidaria de alimentos organizada de maneira paralela. Co bo tempo garantido segundo as previsións meteorolóxicas, todo apunta a unha multitudinaria edición. A saída da proba terá lugar ás 17.00 horas do próximo mércores 31 de decembro desde a Avenida Montero Ríos. Será nin máis nin menos que a edición número 42 dun evento especial para todos os pontevedreses.