A reforma dos edificios centrais do Museo de Pontevedra, Castro Monteagudo e García Flórez, acaba de recibir un pulo fundamental, desbloqueándose despois de once anos pechados. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural concedeu autorización á Deputación Provincial para acometer o proxecto de rehabilitación, aínda que condicionada a unha serie de requisitos técnicos. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a directora do Museo, Ángeles Tilve, deron a coñecer este luns a autorización, que, para o dirixente provincial, "confirma que o proxecto é compatible coa máxima protección patrimonial" e ten "rigor técnico e respecto absoluto ao valor histórico" dos dous inmobles. Domínguez sinalou que a Deputación asume "con total normalidade" os condicionantes técnicos, habituais en este tipo de actuacións. Solicita un control arqueolóxico durante as obras, a realización de catas e documentación de todos os elementos de maior interese que se vaian atopando. Eses condicionantes, para o vicepresidente, "lonxe de ser un obstáculo, son garantía" de que o traballo se fará co máximo coidado e con todas as cautelas necesarias. Os responsables do Museo a nivel político e técnico destacaron que esas catas veñen provocadas por cuestións de accesibilidade, pois "hai unha unión antiga entre os dous edificios moi estreita, que é a que hai que ampliar". Recoñecen que hai posibilidade de que, ao realizar esas catas, atopen algún resto arqueolóxico, pero "en principio parece que non". Ademais, esixe Patrimonio intervir na zona onde estaba a Cámara de Oficiais, unha actuación fundamentalmente preventiva na que "en principio, parece que non debería darnos sorpresas, pero nunca se sabe". Son dúas intervencións "extremadamente complexas" desde o punto de vista da protección do patrimonio de arqueoloxía, porque supoñen "escavar na historia de Pontevedra" e "podes atopar cousas". A resolución de Patrimonio dá o visto bo a un proxecto de consolidación, restauración e mellora funcional dos edificios Castro Monteagudo e García Flórez, un conxunto catalogado declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Domínguez destacou que "é unha noticia moi importante" porque "non é un simple trámite administrativo, senón que é un paso crave que desbloquea un proxecto longamente esperado por todos". Con esta autorización, lógrase, para o vicepresidente provincial, "avanzar por fin" cara á execución dunha das actuacións culturais máis importantes pendentes na cidade de Pontevedra. O seguinte paso será que o equipo redactor do proxecto incorpore as observacións técnicas de Patrimonio e que o servizo de Arquitectura da Deputación supervise o novo documento. Prevé que nun prazo de entre seis e oito semanas polidar solicitar a licenza municipal ao Concello de Pontevedra para poder licitar as obras. Márcanse un calendario "obxectivo" segundo o cal o proxecto estaría "plenamente operativo" a finais de 2028 ou comezos de 2029. O proxecto rondará os 12 millóns de euros e suporá, segundo Rafa Domínguez, mellorar a accesibilidade, a seguridade, a conservación dos inmobles e o seu funcionamento interno. Na súa intervención ante os medios de comunicación, Domínguez fixo unha alusión velada ao voceiro do BNG na Deputación e antigo responsable político do Museo, César Mosquera, ao que lembrou que tivo oito anos pechados estes dous edificios. "Non imos permitir que nos dea ninguén leccións de pontevedrismo nin do Museo de Pontevedra, porque outros tivérono oito anos pechado e nós conseguimos autorización de Patrimonio para seguir avanzando", sinalou.