A carpa Poio Máxico acollerá este domingo 4 de xaneiro o escenario dunha das citas máis esperadas do Nadal no municipio. Trátase da actuación do popular grupo infantil Pica Pica, que fará parada en Poio dentro da súa xira internacional. O espectáculo comezará ás 18.00 horas e contará con entrada gratuíta. Coincidindo co lanzamento do seu novo álbum dixital, 'Navidad Total', o trío formado por Belén, Nacho e Emi ofrecerá un show repleto de música, humor e baile, pensado para gozar en familia. O público poderá cantar e bailar ao ritmo de novas panxoliñas e dos grandes éxitos do grupo, cunha posta en escena especialmente dirixida aos máis pequenos, pero tamén ao público familiar. Con máis de 10 millóns de subscritores e 8.000 millóns de reproducións na súa canle de YouTube, recoñecido co Botón Diamante da plataforma, Pica Pica continúa consolidándose como unha das referencias do entretemento infantil en español desde a súa creación en 2011. Desde o Concello de Poio destacan que esta actuación supón "unha oportunidade para que todas as familias gocen dun espectáculo de primeiro nivel de forma gratuíta", promovendo así a igualdade de acceso á cultura e ao lecer durante as festas. Ademais do concerto, a carpa Poio Máxico ofrece a diario talleres, xogos e atraccións para todas as idades. VISITA DOS REIS MEIGOS A maxia continuará o luns 5 de xaneiro, cando os Reis Magos de Oriente realicen unha dobre parada en Poio. Durante a mañá e a tarde percorrerán as parroquias, lugares e Aldeas de Nadal para saudar ás nenas e nenos do municipio, finalizando a xornada cunha recepción real a partir das 18:00 horas na carpa. O martes 6 de xaneiro, Poio despedirá o Nadal ao grande cunha gran cabalgata na que participarán carrozas, comparsas, música e grupos de animación, xunto coa colaboración das anpas e asociacións locais. O desfile comezará ás 18:00 horas e percorrerá a contorna da Seca. A xornada concluirá cunha gran festa amenizada por Javi Solla, Tere e o seu espectáculo 'Vos Elfos do Nadal de Poio'.