Diversión e creatividade para os máis cativos de Vilagarcía irán da man este sábado, 3 de xaneiro. A programación municipal ofrece unha xornada chea de actividades lúdicas e culturais que terán como escenario a Praza da Peixería, Fexdega e a Biblioteca Municipal. A mañá comeza ás 11:30 horas co obradoiro de cociña "Nadal Chef", dirixido á rapazada de entre seis e once anos. Nesta sesión, os participantes, acompañados dun adulto, prepararán pratos tradicionais da gastronomía británica: crema inglesa e rolo de biscoito con confeitura de froitos vermellos. As inscricións realizaranse o mesmo día, por orde de chegada, ata completar as 35 prazas dispoñibles, fomentando a relación interxeracional entre nenos e nenas, pais, nais e avós. Xa pola tarde, o espectáculo trasládase a Fexdega, onde, ás 18:30 horas, Roberto Lolo presentará "Chiquimagias", unha proposta de maxia de proximidade pensada especialmente para o público infantil no marco do ciclo Fexmagia do Fexturrón. Para pechar a xornada, ás 19:00 horas, a Biblioteca Municipal ofrecerá a versión en monicreques do conto clásico 'O Crebanoces' de Hoffmann, acompañada pola música de Tchaikowsky. A posta en escena da compañía de María Larraitz Urruzola narra as fazañas do boneco crebanoces fronte á Raíña dos Ratos e transporta ao público ao mundo máxico dos contos, consolidando a proposta "Vilagarcía, Nadal de Libro". Todas as actividades son gratuítas e están pensadas para a participación e goce da cativada e das súas familias.