O pleno da Corporación municipal de Poio aprobou a última hora deste martes 30 de decembro o orzamento para 2026, que supera os 16 millóns de euros. As contas saíron adiante coa maioría de votos do grupo de goberno do PP, pero contan con duras críticas dos partidos da oposición. O alcalde, Ángel Moldes, destacou durante a súa intervención que se trata dunhas contas "sólidas, responsables e realistas", que permiten garantir o funcionamento e a calidade dos servizos municipais e, ao mesmo tempo, seguir impulsando proxectos que "transforman Poio para mellor". Do orzamento destacou Moldes que blinda os servizos sociais e o funcionamento de programas municipais, aposta por proxectos transformadores e alivia a presión fiscal sobre as familias. "Non só fala de números ou de obras; fala tamén de persoas", sinalou. Así, por exemplo, sinalou que inclúe a rebaixa do tipo do Imposto de Bens Inmobles do 0,47 ao 0,43, unha medida que supón unha redución de ingresos municipais de preto de 250.000 euros. Ademais, conxélase o resto de impostos e taxas municipais. Moldes tamén destacou que a xestión económica realizada polo goberno local desde a súa chegada en 2024 permitiu reducir a débeda cos bancos nun 40%, pasando de 8 millóns a 4,8 millóns de euros. Esta redución suporá un aforro de 228.000 euros en xuros no ano 2026. O goberno local destaca que o orzamento cumpre cos principios de estabilidade e equilibrio e constrúese sobre criterios de prudencia financeira, baseados na recadación do exercicio presente. É, para o alcalde, "reflexo dunha xestión rigorosa e dun esforzo continuado por parte do goberno local". O orzamento en benestar social ascende a 1,6 millóns de euros; para cultura, educación e festexos, destínanse 1,4 millóns; e deportes conta con 720.500 euros. En medio ambiente, o orzamento inclúe unha partida de 550.000 euros. Para obras, servizos e urbanismo, reservan 5,8 millóns; e para seguridade, superan os 900.000 euros. O gasto corrente e o persoal manteñen practicamente o mesmo nivel de investimento que no exercicio anterior, 7,8 e 4,9 millóns. CRÍTICAS DO BNG O grupo municipal do BNG presentou emendas ao orzamento e criticou a "falta de proxectos e a falta de xestión demostrada por Ángel Moldes" no tempo que leva na Alcaldía. Reivindican a necesidade de melloras no ámbito da sanidade, promovendo a modificación puntual dos terreos da Canteira da Graña para construír o novo centro de saúde. Tamén solicitan partidas que permitan o desenvolvemento do novo PXOM; melloras nas axudas a clubs e novos equipamentos deportivos; un novo parque infantil en Samieira; e unha sala de estudo no Pazo Besada. CRÍTICAS DO PSOE Tamén o PSOE criticou as contas, que considera que confirman "un sablazo histórico" no recibo da auga e que non están pensadas para impulsar novas actuacións nin para mellorar de maneira efectiva os servizos públicos. Para os socialistas, volven poñer de manifesto a "incapacidade do goberno municipal para construír un proxecto propio, coherente e con visión de futuro". O grupo municipal socialista advirte que 2026 será lembrado como "o ano no que se consolidou un modelo baseado en subas históricas, proxectos herdados e promesas incumpridas, mentres o desenvolvemento do municipio segue paralizado".