O Pontevedra CF pechou este sábado unha semana perfecta cunha convincente vitoria por 4-1 ante o Zamora en Pasarón. Tras o encontro, o adestrador Rubén Domínguez destacou a fortaleza colectiva do grupo e o crecemento constante que está a mostrar o equipo. "Entraron as que non entraron o mércores", comezou explicando o técnico, en relación á eficacia goleadora que esta vez si os acompañou. "O equipo leva varios partidos xerando moito, o día do Osasuna B, o do Arenteiro ou o do Ourense. Hoxe volvemos xerar moito", comentou. Para Domínguez, o mérito vai moito máis alá do marcador. "Hai que darlle un dez ao equipo non só polo que fixo hoxe, senón pola semana. Estamos na xornada 10, o equipo gañou a metade dos puntos e pasou unha rolda de Copa do Rei. Non hai que esquecer que había moitísimos xogadores novos, incluído o corpo técnico. Creo que si algo identifica ao Pontevedra é a palabra equipo, e iso é o que máis me enorgulle", afirmou. O técnico tamén quixo lanzar unha mensaxe de apoio ao seu persoal, e en especial a Selma, que este sábado se estreou como goleador granate. "É moi bo futbolista. Temos que entre todos apoiar aos nosos xogadores. Si coidámolos, si empuxámolos cando están mal, todo vai ser máis fácil porque lles daremos máis confianza. Os nosos xogadores son intocables, o rival é ao que temos que masacrar. Cando Pasarón apóianos é terrible a presión que exercemos sobre os rivais", subliñou. Neste sentido, volveu incidir na importancia de manter a conexión coa bancada porque "sentimos que nos apoia e nós temos que responder honrando o escudo. Ao final, cando non deamos o noso 100%, cando non esteamos ben por actitude, temos que abrir o paraugas e que nos caia o que nos teña que caer. Pero creo que este é un equipo e un grupo de xogadores que, outra cousa non, pero son fiucegos con maiúsculas. Pasarón, antes ou despois, vaise a unir total e absolutamente co equipo, aínda máis do que xa está, porque temos que crear un fortín disto, temos que crear unha sinerxía super forte coa bancada porque estou convencido de que estes mozos van dar que falar este ano", sinalou. No plano competitivo, o adestrador valorou positivamente a marcha do equipo ao levar un terzo dos puntos que farían falta para salvarse e a participación de todos os seus xogadores esta semana, "que deron un rendemento terrible", no bo sentido da palabra. "Agora", apuntou, "hai que seguir coa ambición que tivemos hoxe a partir do terceiro gol, buscando o cuarto, o quinto… A nivel de puntos ten que ser o mesmo. Temos que chegar aos 45 canto antes. Si chegamos na xornada 30, mellor que na 38". Sobre o ambiente en Pasarón, Domínguez mostrouse emocionado e recoñeceu que "é unha pasada como está a responder a afección. Xa nos deron puntos en partidos que iamos perdendo e hoxe, co 1-1 e un xogador menos o rival, lonxe de xerar nervios, leváronnos outra vez polo aire. Esperamos que cada día sexamos máis, porque son o noso xogador número 12 cando xogamos en casa". O técnico tamén fixo referencia á expulsión do xogador do Zamora Luismi e a vantaxe que lle deu ao seu equipo xogar con home máis. Si que é verdade que, para el, "antes do gol xa tiveramos opcións claras para irnos 2-0, pero a vermella é clara e son accións do fútbol". Por último, Rubén Domínguez insistiu en que o mérito dos goles é dos xogadores a pesar de que o corpo técnico é o que "marca a liña". En todo caso, deixou claro que está orgulloso de "ter un equipo tan traballador, tan honorable, e iso vale máis que calquera acción concreta que pareza do corpo técnico, porque en realidade sempre é dos xogadores".