O Poio Pescamar afrontou este sábado ante a súa afección o último partido de liga antes do parón polo Mundial de fútbol sala. O enfrontamento directo entre o combinado conserveiro, segundo clasificado, e o Alcorcón, terceiro, mantivo a intensidade desde o primeiro minuto e concluíu cun xusto empate a tres goles. A primeira acción de perigo protagonizouna o conxunto vermello. Era o minuto 3 e Rafa Pato combinou Ale de Paz, levándose como resposta unha gran parada de Ari que privou o equipo do primeiro gol. Pouco despois, Chuli roubou en presión alta e definiu por baixo para adiantar ao Poio Pescamar. O Alcorcón apertou en busca do gol do empate e non tardou en atopalo grazas a Sarita aos 10 minutos de xogo. O intercambio de golpes obrigou a Luís López-Tulla a parar o partido tan só un minuto despois, buscando reaxustar ao seu equipo, que se salvou do segundo tanto rival grazas a unha Elena providencial que mantivo a igualdade cunha intervención decisiva ante Albita. Tras o paso polos vestiarios, o Poio Pescamar saltou ao parqué disposto a ir a pola vitoria e dispuxo de dúas claras ocasións coas que volver adiantarse. Ale de Paz rozou o gol no 21, pero o seu disparo saíu demasiado picado, e Ana Etayo encargouse de impedirllo a Chuli na acción posterior. As locais apertaron e atoparon o premio no minuto 24. Débora Lavrador cazou unha volea e cruzou o balón ao fondo da rede, pondo o 2-1 e volvendo tola á bancada. Con todo, a alegría volveu durar moi pouco e no 29 o Alcorcón volveu igualar por medio de Aída de Miguel. Non había nada decidido e todo podía pasar. A tensión era máxima e, tan só un minuto despois do gol, Clau López estivo a piques de pór por diante ao Alcorcón, pero topouse con Elena no man a man. A que si acertou na seguinte xogada foi Rafa Pato que, de costas, asinou o terceiro que volvía adiantar ao Poio Pescamar. O duelo non deu tregua e Èlia anotou o 4-2, pero o colexiado anulouno por falta súa, vendo ademais cartón amarelo. Acto seguido, a xogadora catalá volveu ser protagonista ao cazar o coiro tras un primeiro disparo de Pedreira e envialo de cabeza ao traveseiro. A que non fallou, con todo, foi Tania Benito, aproveitando un erro na saída de balón do Poio Pescamar e marcando o empate a tres. Nos instantes decisivos Elena sostivo ao equipo conserveiro con varias paradas espectaculares, mentres que Ale de Paz e Carolina Pedreira tiveron o triunfo nas súas botas, pero o balón non quixo volver entrar. Consulta a acta neste enlace [galleries:vertical:10823]