Partido para esquecer o disputado polo Club Cisne Balonmán este sábado fronte ao UBU San Pablo Burgos no Pavillón Príncipe Felipe. O conxunto pontevedrés soubo pelexar no primeiro tempo, pero despois do descanso desapareceu por completo, estivo máis de oito minutos sen anotar e pagouno moi caro. O partido arrincou cos brancos dominando no marcador cos tantos de Diego López e Iván Calvo, respondendo o Burgos acto seguido da man de Miguel Malo e Fabrizio Casanova para establecer o empate a dous. A maior parte do primeiro tempo estivo marcado polos ataques imprecisos e unha escasa efectividade anotadora por parte de ambos os equipos, estando o Cisne máis de catro minutos sen anotar, ata que Yago López e Xoán Fernández romperon a seca. Pouco despois, Miguel Malo volveu marcar para os visitantes, que estiveran sete minutos sen ver porta (4-3). Manu Lorenzo foise ao banco dous minutos e Jaime Fernández aproveitou a superioridade numérica para anotar o empate a catro. A partir do minuto 15 o duelo rompeu a favor do conxunto burgalés, que se colocaron cun colchón de tres goles (6-9), pero o equipo lerezano soubo reaccionar a tempo e logrou salvar o primeiro acto asinando un empate a 12. Con todo, todo cambiou tras o paso polos vestiarios, converténdose o inicio do segundo tempo nun monólogo do Burgos, que superou en todas as facetas a un Cisne que tardou nove minutos en anotar o seu primeiro gol. Nese momento, os visitantes xa anotaran seis tantos e puxeran o 12-18 ao seu favor. O conxunto burgalés mantivo o control, ampliando a renda até once goles (15-26) cando quedaban dez minutos por xogar. O partido quedou sentenciado e, aínda que o equipo de Quiños tentou maquillar o resultado, só puido reducir a diferenza até o oito goles que marcaron o 21-29 definitivo. Consulta as estatísticas neste enlace [galleries:vertical:10824]