O Mosteiro de Armenteira e a Deputación Provincial de Pontevedra van colaborar no estudo de produtos de cosmética elaborados con aceite de camelias da provincia. Para avanzar nesta colaboración, o deputado da Estación Fitopatolóxica Areeiro, Javier Tourís, mantivo unha xuntanza de traballo no Mosteiro de Armenteira. Tourís adiantou que se asinará un convenio de colaboración entre ambas entidades nas próximas semanas para aplicar os derivados da camelia na saúde e no coidado da pel. O convenio terá unha duración de catro anos, segundo a información facilitada pola Deputación. Desde a Deputación lembran que Areeiro é a primeira entidade de Europa en poñer a punto a técnica de extracción en frío de aceite de camelia empregando sementes dos xardíns da provincia e a través deste acordo está a analizar as posibilidades de promover produtos diferenciables, de calidade e moi recoñecidos no sector cosmético, así como a impulsar a economía da provincia da man da agricultura sostible. Este centro está a estudar as posibilidades das plantacións de camelia e as sementes producidas, o rendemento por planta e por hectárea, o tempo que tardan en estar en plena produción e a calidade do aceite producido, analizando as súas principais características químicas e as posibilidades para fabricar novos produtos cosméticos, especialmente xabóns, xampús, cremas ou bálsamos labiais. O Mosteiro de Armenteira está rexistrado para fabricar xabóns e produtos de perfumería e segue todos os controis de calidade obrigatorios na lexislación actual deste sector. Debido á calidade do aceite de camelia feito en Pontevedra e os beneficios para a saúde, especialmente no coidado da pel, pretende a través deste acordo coa Deputación ofrecer produtos elaborados con aceite obtido de sementes das súas camelias.