Un total de once entidades da provincia serán recoñecidas na segunda edición dos Premios de Boas Prácticas en Igualdade. Con estes galardóns, a Deputación de Pontevedra busca recoñecer aquelas persoas e entidades que realicen actividades, proxectos ou programas que destaquen na consecución da igualdade de xénero e a erradicación da violencia de xénero. A cerimonia de entrega dos galardóns terá lugar durante o mes de novembro, nunha data aínda non facilitada. Estes premios repartirán 16.000 euros nos eidos da cultura, do deporte, da educación e do medio social, Na categoría de mellor iniciativa social o primeiro premio recae na Morada Nosa (Vigo) e o accésit á Fundación Érguete-Integración (tamén de Vigo). Na categoría de mellor iniciativa cultural, recibe o primeiro primeiro premio a Asociación Civio Cultural Xiria (Cangas do Morrazo) e o accésit a Asociación Teatro Compañía Caracol (Cambados). Na categoría de mellor iniciativa deportiva, o primeiro premio vai parar a Traviesas Hockey Club (Vigo) e o accésit á Asociación Libélulas BCS Pontevedra. Na categoría de mellor iniciativa educativa, a Deputación distingue co primeiro premio o CEIP Rosalía de Castro de Vilagarcía de Arousa e co accésit o CEIP Plurilingüe Domaio (Moaña). Ademais, outorgaranse tres distincións honoríficas ao centro penitenciario da Lama, o Concello de Silleda e o Centro de Información á Muller de Marín.