Fronte común das confrarías e os comercializadores ante a "alarmante situación" que vive o marisqueo

Wait 5 sec.

A "alarmante" situación que vive o sector do marisqueo galego nos últimos anos levou á Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra e a asociación galega de comercializadores de marisco (Agacomar) a facer unha fronte común. Ambas as entidades mantiveron un encontro o pasado 28 de outubro para analizar a situación e propor actuacións para abordar a "difícil situación" e, sobre todo, para poder garantir a súa continuidade a medio e longo prazo como unha actividade fundamental do sector do mar galego. Consideran que a situación é de tal gravidade que "urxe analizar con detalle" a situación actual, as causas e as fortalezas e debilidades da actual estrutura do marisqueo tanto desde o punto de vista produtivo como do organizativo ou do administrativo. Ven necesario realizar unha análise profunda do actual sistema de xestión do marisqueo galego que "permita sentar as bases para a súa resiliencia". Tamén lles parece "moi necesario" o deseño urxente de medidas que, no posible, contribúan a evitar tanto a constante sangría de persoas e empresas que abandonan o marisqueo. "Galicia non se pode permitir unha perda, da magnitude que parece previsible de non cambiar as cousas, nun dos seus sectores emblemáticos", sosteñen. O sector pon todas as súas expectativas de mellora no traballo dos científicos, que están seguros que alcanzarán solucións "axeitadas a problemas tan complexos" como os do marisqueo. Ambas as entidades entenden o marisqueo en Galicia como una cadena na que non sobra ningún dos seus elos e que só do traballo conxunto de todos eles poderanse alcanzar solucións axeitadas a esta complexa situación. Estas dúas entidaes solicitarán unha reunión á conselleira do Mar e a directora de desenvolvemento pesqueiro, na que se presentarán as conclusións desta reunión, así como a proposta de medidas de urxencia que contribúan a manter a actividade e o emprego a curto e medio prazo. Así, alertan de que o marisqueo en Galicia atópase nunha "situación moi comprometida", especialmente nos dous últimos anos, nos que concorreron "factores moi negativos" para o marisco, especialmente as elevadas temperaturas da auga de mar no verán, seguidas de fortes choivas ao longo do outono e inverno. Esta situación está a provocar uns "descensos da produción marisqueira nunca rexistrados en Galicia" e, como consecuencia, unha falta de ingresos durante meses para moitas familias cuxa subsistencia depende do marisqueo. O sector indica que aínda que a administración galega habilitou liñas de axudas de urxencia para o sector marisqueiro, "esa nin pode nin debe ser a solución" á actual problemática deste sector; senón que o marisqueo galego, por si mesmo, debe ser quen de achegar ás persoas mariscadoras uns niveis de ingreso dignos e acordes ao seu traballo, como tradicionalmente viña sendo.