Este domingo, o pavillón municipal da Rapeira encheuse de alegría e reencontros coa celebración da 32ª edición do Xantar da Terceira Idade, organizado polo Concello de Portas. Máis de 350 veciños participaron nesta xornada tan especial, pensada para homenaxear ás persoas maiores e agradecerlles todo o que representan para a comunidade. Ao evento asistiron numerosas autoridades, entre elas o alcalde de Portas, Ricardo Martínez; o de Campo Lameiro, Carlos Costa; o de Moraña, Sito Gómez; e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez. Tamén participaron membros das corporacións municipais de Campo Lameiro, Meis e Portas, como o tenente de alcalde Alfonso Vázquez e as concelleiras Chus Fontán e Ana Peña. A xornada comezou ás 12:30 coa música da Banda de Lantaño, que deu a benvida aos asistentes antes da tradicional misa de campaña e logo ofreceu un concerto mentres o pavillón recibía aos comensais. O acto institucional comezou coas palabras de benvida do tenente de alcalde, Alfonso Vázquez, que presentou ás autoridades asistentes. Pola súa parte, Perfecto Rodríguez transmitiu os saúdos do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. Ademais, felicitou ao Concello pola continuidade dun evento que "representa un merecido recoñecemento ás persoas maiores, ao seu traballo e ao seu legado humano e social". O alcalde Ricardo Martínez pechou as intervencións agradecendo o esforzo de todas as persoas implicadas na organizació deste xantar "unha das citas máis queridas do noso calendario municipal" e destacou o éxito de participación e o espírito de convivencia que marcou a xornada. "Sodes o corazón de Portas, o exemplo da cultura do esforzo e do sacrificio, e grazas a vós seguimos avanzando con orgullo e esperanza cara o futuro", dixo. Os asistentes contribuíron cun prezo simbólico de 10 euros e gozaron dunha animada comida que incluíu sorteos de cestas con produtos galegos, unha queimada e música en directo. A xornada rematou entre risas, bailes e moito agradecemento. [galleries:vertical:10780]