Neste mes de outubro continúa unha intensa axenda cultural dentro do Ano Castelao que finaliza en xaneiro de 2026. Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, presentou unha programación que busca honrar a figura de Castelao, un "veciño moi querido" e "construtor da Galiza moderna". O concelleiro indicou que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao "debería ser o primeiro presidente da Galiza contemporánea" e "algún día terá esa consideración". O cartel desta programación, cunha nova versión deseñada por Rei Zentolo, reflicte a vitalidade dun legado que segue moi presente na cidade. O día 22 deste mes de outubro, o Teatro Principal acollerá pola tarde a Xornada de Conferencias organizada pola Coral Polifónica de Pontevedra, enmarcada no centenario da entidade. Ese mesmo día, pola noite, o Pazo da Cultura será o escenario do Encontro Poético-Musical "Malvela", coas voces de Uxía Senlle, Mondra, Silvia Penas e Samuel Merino, organizado polo Ateneo de Pontevedra. O 29 de outubro, o Café Moderno acollerá unha conferencia de Xosé Manoel Núñez Seixas, tamén impulsada polo Ateneo, afondando na figura do galeguista. NOVEMBRO Novembro traerá importantes novidades. O día 7, a cidade acollerá unha ruta especial cos institutos de Pontevedra, organizado por estas propias entidades, para lembrar a Castelao polas súas rúas. O 8 de novembro, o Teatro Principal será testemuña dunha cita ineludible: a representación de "Os vellos non deben de namorarse". Unha produción de Os de Algures, con Sete Espadelas e a Aula Municipal de Teatro de Pontevedra, que inclúe un traballo especial de recuperación de vestiario e a escenografía orixinal de Castelao. Tamén en novembro, o día 14, o Local Social de Lusquiños (Tomeza) será o punto de encontro para as crianzas a partir de 3 anos coa actividade infantil "Panchito", organizada por Polo Correo do Vento e Marcelo Dobode. O concelleiro de Cultura agradeceu especialmente o traballo de Polo Correo do Vento, que continúa a súa labor "despois da perda dun dos seus integrantes", en referencia ao desaparecido Carlos Taboada. Os días 14 e 15 de novembro, o Centro Social Gorgullón acollerá unhas xornadas sobre "O Exilio Galego", organizadas por Montse Fajardo. Un espazo para a memoria que abordará o difícil período no que Castelao e Virxinia Pereira tiveron que marchar no ano 1936. Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, presenta os últimos actos do Ano CastelaoPontevedraViva DECEMBRO E XANEIRO O día 18 de decembro, a asociación Maiolongo organizará unha lectura de textos de Castelao no Café Moderno, un lugar con simbolismo especial por ter sido un dos espazos onde o ilustre galeguista mantiña os seus faladoiros. O 7 de xaneiro co Acto Institucional de Peche do Ano Castelao, organizado polo Concello de Pontevedra. Esta data, que coincide co día do pasamento de Castelao, contará coa presenza da pontevedresa Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega. Demetrio Gómez expresou o seu entusiasmo por esta visita na que se fará unha lembranza nas vivendas onde residiu Castelao na Praza de España número 1 e nos números 6 e 8 da rúa Oliva. Todas as actividades son de balde e a información completa pode consultarse en pontevedra.gal.