"Estamos ante a mellor edición da Festa do Marisco", declarou con entusiasmo o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, tras baixar o pano da 62ª edición deste emblemático evento gastronómico. Aínda que o 12 de outubro caeu en domingo e este ano non houbo ponte festiva, as cifras falan por si soas xa que se venderon 177.146 tickets, o que se traduce nunha facturación récord de 1.136.389 euros. É a edición con mellor recadación da súa historia e a segunda con máis racións vendidas. Todo un logro para unha festa que, ano tras ano, segue crecendo. Pero máis aló dos números, o alcalde destacou o verdadeiramente importante: "Estamos en outubro e O Grove estaba cheo. Nin en pleno agosto vese isto así", celebrou, satisfeito. Durante días, as rúas e carpas enchéronse de visitantes, aromas a marisco fresco e un ambiente festivo que nin a falta de ponte puido frear. Cacabelos aproveitou tamén para agradecer o esforzo de todas as persoas que fan posible a festa, entre elas ás 70 contratadas directamente polo Concello, e lembrou que este evento non só celebra a gastronomía, senón que impulsa ao sector turístico e ao do mar. "A Festa do Marisco está por encima de calquera crítica", sentenciou o rexedor, facendo un chamamento a todos os sectores implicados para remar na mesma dirección. "É un produto turístico con entidade propia, moi potente, con carácter internacional e capaz de romper a estacionalidade", engadiu, xa coa mirada posta en 2026. Concerto de La, la, love you Concello do Grove