O Concello de Caldas de Reis vén de abrir o prazo de inscrición para participar nunha vintena de actividades pensadas especialmente para pensionistas e persoas maiores, dentro da programación do curso 2025-2026. Un calendario completo e diverso, que busca mellorar a calidade de vida deste sector da veciñanza, apostando pola memoria, os hábitos saudables e, sobre todo, por crear espazos de encontro e boa compañía. Tal e como destacan o alcalde, Jacobo Pérez, e a concelleira Carmen Torres, "poñemos o foco en que os nosos maiores sigan activos, conectados e coidando da súa saúde física e mental". Este ano chegan propostas novas que prometen ser un éxito. Unha delas é a Memoria Viaxeira, un obradoiro de estimulación cognitiva pensado para aquelas persoas que, por distintos motivos, non poden acudir ao Fogar do Maior. Neste caso, o servizo achegarase aos seus fogares, con visitas a cargo dun profesional especializado. Tamén se estreará o Club de Lectura, unha iniciativa conxunta coas bibliotecas municipais. Terá lugar o primeiro venres de cada mes e contará cun grupo mínimo de sete participantes. Outra gran aposta é Caldas Maior Creativa, que inclúe obradoiros tan variados como costura, bricolaxe, elaboración de xabóns artesanais, traballos en coiro, arte floral, risoterapia e musicoterapia. As sesións terán lugar os luns de 16:00 a 18:00 h no Fogar do Maior, para grupos de polo menos oito persoas. Tardes con faladoiros e fins de semana cheas de lecer Os faladoiros dos venres pola tarde serán outro dos puntos de encontro destacados. E para as fins de semana, chega Lecer no Fogar, un espazo de entretemento con xogos de mesa, bingo, ligas de brisca, pasatempos ou lectura de xornais. Mantéñense tamén aquelas propostas que triunfaron na edición anterior, como os obradoiros de Memoria e Psicomotricidade ou o Ciclo de Andainas. E por suposto, seguen as xa clásicas e consolidadas como son: Natación terapéutica, TIC para maiores (alfabetización dixital), Pilates, Ximnasia abdominal hipopresiva, Escola de espalda, Estimulación cognitiva, Bingo semanal e Liga de Brisca, Obradoiros de expresión artística e técnicas artesanais, Ximnasia de mantemento. En total, ofértanse máis de 500 prazas, sen contar aquelas actividades nas que non hai límite de inscrición. As inscricións poden facerse no Fogar do Maior, no departamento de Servizos Sociais ou no Rexistro Xeral do Concello. Segundo apunta o alcalde, o ritmo de inscricións está sendo moi alto, o que fai prever que se superarán os máis de 300 participantes do curso pasado. A programación está aberta a persoas de todas as idades dentro do colectivo, desde menores de 60 ata maiores de 90 anos. "Este reforzo é unha mostra clara da nosa aposta por unha vida máis saudable e cómoda para os nosos maiores", sinala Jacobo Pérez, quen lembra tamén que esta liña de traballo complétase con proxectos como a construción do novo Fogar do Maior, cuxa inauguración está ao caer, e o Parque do Maior.