O concelleiro de Mobilidade de Pontevedra, César Mosquera, anunciou que se estudará incrementar a liña 2 do autobús urbano, que conecta co Hospital de Montecelo, debido ao crecemento rexistrado no uso do transporte público municipal nos últimos anos. Segundo os datos facilitados por Mosquera, as viaxes realizadas en autobús no municipio pasaron de 464.002 en 2022 a 672.095 en 2023, o que supuxo xa un incremento do 44,85%. En 2024 a cifra ascendeu a 808.743 viaxes, cun aumento do 20,33%, e para este ano estímase que se alcancen as 837.977 viaxes, cun crecemento máis moderado do 7,90%. Ata o momento están rexistradas 628.483 viaxes. O concelleiro explicou que a liña 2, que vai a Montecelo, é a que máis crecemento rexistra, seguida da liña 1 de Monte Porreiro e da que conecta con Marín. "É a liña que máis aumento tivo porque funciona moi ben. Aumenta o número de pasaxeiros e ten dificultades para cumprir horarios e igual hai que reforzalo", sinalou Mosquera.. Viaxes realizadas en autobús en PontevedraConcello de Pontevedra Mosquera subliñou que o crecemento máis forte xa parece que pasou, o que permitirá "gañar certo tempo para reestudar" as liñas urbanas, especialmente pendentes de que entre en funcionamento o Novo Montecelo. "Non sabemos que impacto vai ter, se volvemos a ter un crecemento espectacular na liña 2, haberá que pensar en modificala, en reforzala ou en montar outra liña complementaria", apuntou. O Concello subvenciona o transporte público cun orzamento de arredor de 360.000 euros para este ano, mentres que en 2024 a subvención foi de aproximadamente 300.000 euros. A fracción de usuarios que carecen de tarxeta bonificada non chega ao 10% do total. DEFENSA DO COCHE DE PUNTO Mosquera aproveitou tamén para defender o servizo de coche de punto que se desenvolve nas parroquias ante as críticas do Partido Popular, que pide a súa retirada. "Creo que aínda nunca unha medida pioneira, alternativa e sustentable tivo a tolerancia do PP e esta non ía ser unha excepción", afirmou o concelleiro, que considera que o servizo "está funcionando razoablemente ben" e "está satisfacendo unha necesidade que non se pode facer doutra maneira". O convenio do coche de punto é anual e deberá renovarse en 2026, momento no que se valorarán posibles modificacións se fose necesario, sinalou o concelleiro. César MosqueraMónica Patxot