Luís Pérez Barral deixará de ser alcalde de Ribeira este 13 de outubro por mor da moción de censura impulsada polo PP canda tres edís do Partido Barbanza Independiente, formación que en 2023 se uniu ao BNG e ao PSdeG para impulsar un histórico cambio político na principal vila do Barbanza. Nos seus últimos días co bastón de mando amósase satisfeito do traballo feito e asegura que non existe motivo "obxectivo" ningún para a ruptura dun goberno que remata, lamenta, a causa de "intereses particulares" alimentados polo PP dende o Goberno galego. Amósase convencido, asemade, de que o Bloque pode regresar á alcaldía tras as eleccións de 2027.