O persoal de Veolia Servicios Norte que realiza o mantemento no Hospital Provincial de Pontevedra afronta este martes, 14 de outubro, a última das oito xornadas de folga convocadas para reclamar a equiparación das condicións laborais e salariais co persoal doutras áreas sanitarias. Durante o mediodía deste luns, os traballadores protagonizaron unha nova manifestación arredor do hospital, convocada pola CIG, coa que volveron visibilizar un conflito que se prolonga desde hai máis dun ano. Na cabeza da marcha portaban unha pancarta coa mensaxe "Veolia Servicios Norte culpable. Xunta responsable". A primeira hora da mañá, o comité de folga accedeu ao espazo no que se celebraba unha xuntanza de traballo da Xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e conseguiu entregar dous escritos ao responsable de Recursos Económicos. Neles solicitaban unha reunión e recollían as principais reivindicacións do colectivo. Segundo explicou José Ramón López, membro do comité de folga, "vimos de entregar uns escritos na comisión de dirección no Hospital Provincial. Pensamos que ía haber unha reunión coa empresa, agora non sabemos que vai pasar". Engadiu que o obxectivo era que o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) tivese coñecemento directo da súa postura, aínda que "entendemos que agora o encontro non será entre as tres partes senón entre a empresa e a xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés". O persoal leva un ano tentando abrir unha mesa de negociación, sen que nin a compañía adxudicataria nin o SERGAS amosasen vontade de avanzar nos dereitos laborais. Os traballadores denuncian que Veolia segue aplicando o convenio do metal da provincia de Pontevedra, malia que o seu labor inclúe gardas localizadas, quendas rotativas e traballo nocturno, condicións que consideran alleas a ese convenio. Por este motivo, reclaman melloras laborais por riba do convenio e a equiparación coas condicións dos seus compañeiros de Veolia nos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo e comarcal do Salnés, onde xa contan con recoñecementos salariais e laborais acordes coas súas funcións. Manifestación de persoal de Veolia Servicios NorteCIG As mobilizacións, que se prolongaron durante toda a semana pasada, incluíron accións simbólicas como a instalación dun "chiringuito reivindicativo" nos xardíns do hospital, co que o persoal quixo facer visible a súa loita "cun toque de humor e moita dignidade". A xornada de mañá, martes, marcará o final da folga pero alertan de "non deixar que se esqueza que seguimos en conflito", mentres agardan que os últimos actos de protesta sirvan para desbloquear a negociación e lograr unha resposta por parte de Veolia e do SERGAS.