Un libro-diario, un espectáculo feminista, un documental e moita conversa festexarán a última fin de semana de outubro en Pontevedra que polo foro 'As mulleres que opinan son perigosas' xa pasaron, desde o ano 2018, cen mulleres opinadoras. "Oito edicións e cen mulleres que opinan merecían unha celebración", resumiu este luns unha das dúas patas deste proxecto, a xornalista Susana Pedreira, que hai oito anos decidiu xunto con Diana López Varela organizar este foro como resposta á invisibilización das voces femininas no xornalismo de opinión. Para festexar que xa van oito edicións e cen opinadoras que pasaron polo Teatro Principal e o Museo de Pontevedra, decidiron poñer en marcha este programa de actividades os días 24 e 25 de outubro, que contan coa colaboración do Concello e a Deputación de Pontevedra. Todas con entrada libre ata completar aforo. A primeira cita será o venres 24 ás 20.00 horas no Teatro Principal, co espectáculo pop feminista das xornalistas María Guerra e Mariola Cubells 'Señoras y señoras'. María Guerra e Mariola Cubells xa se coñecían previamente, pero foi en 'Mulleres que Opinan' onde naceu este show, que reflexiona sobre a xeración de mulleres nadas na década dos 60 con humor e referencias á cultura popular. Están de xira por España, pero a cita pontevedresa foi a primeira que fixaron. O sábado 25 ás 12.00 horas a celebración será no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, coa presentación do libro e o documental Cen Mulleres que Opinan, que incluirán unha conversa coas xornalistas Olga Viza, Marta Garcia Aller, Susana Pedreira, Diana López Varela, María Varela e María Hermida. O libro Cen mulleres que opinan. Un diario de opinións perigosas recolle fragmentos das intervencións destas cen mulleres que participaron no foro durante todas as súas edicións e inclúe outras 100 páxinas en branco para que as propias persoas lectoras as empreguen para plasmar as súas opinións. A selección dos textos corresponde a Susana Pedreira e Diana López Varela e as ilustracións á pontevedresa Bea Gregores. En total, editáronse 1.500 exemplares que se repartirán entre o público asistente. Diana López Varela destacou que chegar ás cen mulleres opinadores é "un logro" que "merecía ser celebrado" e este libro é unha forma de "conservar a palabra oral, para que non se perdera", que quedara por escrito "para que a puideramos recordar e ter máis fácil acceso". En realidade, todas as intervencións están na canle de Youtube do foro, a modo de "oito temporadas dunha serie", en palabras de Susana Pedreira que poden verse cando así se desexe. Editar este libro é tamén, para López Varela, unha "resposta" a aquelas persoas que, antes de existir este foro, explicaban que as mulleres non eran convidadas a outros foros de xornalismo de opinión porque supostamente non había."Aquí tedes 100, por suposto que hai mulleres que opinan e máis que seguirá habendo tamén gracias a foros e a espazos coma este", insiste. O documental do mesmo nome dá o protagonismo ao público asistente a este foro durante as súas oito edicións, a modo de homenaxe e recollendo as opinións das persoas que acuden "fielmente" cada ano a este foro. Tal e como explicou Pedreira, renden homenaxe ao público que asistiu edición tras edición, "escoitando as súas opinións e vendo as emocións e o ambiente que se crea durante eses días de mulleres opinando". Diana López Varela defendeu a importancia de "seguir reivindicando o xornalismo con perspectiva feminista", pois "pasaron moitas cousas nestes nestes anos no panorama político, nacional, internacional e o feminismo segue aí, como contrapunto e loitando polos dereitos das mulleres". O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, defendió que es "fundamental" que "desde as institucións temos o deber e a obrigación de loitar polo feminismo nun momento no que, a pesar de todos os esforzos das institucións e da sociedade, estamos a atoparnos co crecemento de movementos negacionistas do feminismo e doutras cousas tan terribles como a violencia de xénero". A concelleira de Igualdade de Pontebedra, Anabel Gulías, quixo acordarse das cen mulleres que opinan e tamén de todas as que fixeron posible este foro, empezando por Carmen Fouces e Carmela Silva, que en 2018 apoiaron a súa posta en marcha como concelleira en Pontevedra e presidenta da Deputación. "Sen elas, habería institucións que pasasen de puntillas por temas importantes", destacou Anabel Gulías, que denuncia que "seguen facendo dende as institucións negacionismo do feminismo e da violencia machista". Con esta publicación, todas estas mulleres que fixeron posible o foro "teñen o seu recordo e a súa lembranza imborrábel en cada unha de nós", defendeu a concelleira.