A "casualidade" permitiu localizar un expediente "impecable" de 1972 que confirma as irmás de Catelao como herdeiras

Wait 5 sec.

Xa faleceran a esposa de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Virxinia Pereira Renda, e o seu fillo, Afonso Xesús Castelao Pereira, cando en febreiro de 1972 as súas irmás, Josefina e Joaquina, acudiron aos xulgados de Pontevedra para pedir a súa declaración de herdeiros. O 27 de abril, o expediente 46/72 do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra resolvía. Elas eran as dúas únicas herdeiras. O documento acaba de saír á luz 51 anos despois grazas a Pablo López, funcionario de auxilio deste xulgado, o máis antigo da capital. El foi quen atopou o expediente por "casualidade" e este xoves compartiu emocionado o achado ante os medios de comunicación. Na Sala de Vodas do edificio xudicial da Parda celebrouse o acto de dación de contas no que oficialmente o Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra entregou formalmente este expediente ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, que se encargará da súa conservación e custodia, "atendido o seu notorio interese histórico, social e cultural". O maxistrado titular, Julio César Díaz Casales, presidiu o acto, no que a letrada da administración de xustiza, Adriana Álvarez Gorgojo, deu lectura do decreto gubernativo 3/2025 polo que se acordou a transferencia do expediente ao arquivo e logo entregou fisicamente o expediente á directora do Arquivo Provincial, Carmen Luisa Corgo Solleiro. Julio César Diaz definiu o expediente como "impecable", "moi pulcro" e "moi ben conservado". Asinouno en 1972 o xuíz Rafael Martínez Sánchez e está conformado por 7 follas que este xoves se mostraron na sala de vistas. Non detalla bens, senón que se refire a todo o patrimonio do autor de Rianxo. Iniciárono as irmás de Castelao unha vez falecida a súa viúva para aclarar como quedaba a súa herdanza, achegando documentos como as actas de nacemento e defunción do seu irmán, a súa viúva, o seu fillo e os seus pais e o certificado de últimas vontades que determina que faleceu no exilio en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950 sen outorgar testamento. Tamén figuran os testemuños dos avogados pontevedreses José Lino Sánchez e Ernesto Baltar Santaló e Felipe Cons Rodríguez, que tiveron relación directa co falecido ou lle coñecían de veranear en Rianxo. Durante o acto oficial, a directora do Arquivo deu "enormes" grazas ao xulgado pola súa "sensibilidade" e polo "coñecemento" de Pablo López ao recoñecer o valor do achado e decidir poñelo en mans do Arquivo. Ante os medios, destacou a importancia deste expediente, que "primeiro é importante porque é Castelao" e "segundo, porque hai unha serie de propiedades actuais, por exemplo, a casa que tiña Castelao en Rianxo, que agora pertencen a outras persoas, e que aí se ve a secuencia de como de Castelao pasan ás súas irmás e das súas irmás…". Pablo López Rivas localizou o expediente en agosto mentres realizaba tarefas de organización nos fondos antigos do arquivo deste xulgado, no que leva destinado un ano. Este xoves relatou que, cando viu o nome de Castelao, sorprendeuno, pero pensou que podería ser outro, pois "en Galicia hai bastantes ramas" con este apelido. Confirmado que era el pensou na "sorte que tiña", pola importancia do achado e polos seus vínculos persoais. "Eu estudei en Madrid e a obra que levaba sempre comigo era Sempre en Galiza, de Castelao, por unha cuestión de morriña, pola lucidez e o espírito crítico que ten, e, como galego, penso que é unha figura que todos temos de referencia sempre", recoñeceu ante os medios de comunicación finalizado o acto. Recoñeceu sentirse "afortunado" por ser o responsable do achado e tamén por traballar neste xulgado, pois "pola antigüidade que ten", dá lugar a este tipo de achados. Ten arquivos desde finais do século XIX, máis de 4.000 caixas entre o arquivo xudicial, o arquivo histórico e o arquivo xudicial territorial. Este funcionario tivo oportunidade de falar durante o acto oficial de entrega e tamén ante os medios e aproveitou para pór en valor a figura de Virxinia Pereira, "agora moi reivindicada a partir da obra de Montse Fajardo e das cartas que se publicaron". Tamén destacou o "legado artístico, literario, cultural, ensaístico e, sobre todo, político" de Castelao. Este achado, que resulta histórico, confirma a vinculación de Castelao con Pontevedra. De feito, o expediente presentouse na capital por ser o último domicilio de Castelao en España. No expediente figura que chegou á cidade en 1916, destinado ao Corpo Auxiliar de Estatística, e permaneceu nela ata o seu exilio, en 1936. Ao respeco, Pablo López defendeu que nunha carta escrita desde o exilio "dicía que era a cidade na que fora máis feliz e manifestou a súa vontade de que todo o seu patrimonio permanecese aquí en relación co Museo". Tamén resulta importante en tanto confirma a "tensión" que existía na relación entre as irmás e a viúva de Castelao. Empezaron o expediente tras o falecemento de Virxinia Pereira en 1969 porque supuxo que cesase a percepción da entón denominada "cota viudal". En nome do Museo de Pontevedra asistiu como público ao acto o presidente da Asociación Amigos do Museo, Ernesto Vázquez Rey, que confirmou esas "tensións" e que as irmás esperaron o falecemento de Virxinia para poder instar a esta declaración de herdeiros "e que non houbese esas friccións que no pasado mantiñan". O expediente orixinal estará no Arquivo Provincial, pero o Museo de Pontevedra terá unha copia testemuñada para poder exhibir, pois "o descubrimento reforza un pouco o papel de Pontevedra no estudo de Castealo e o seu legado". Segundo Vázquez Rey, "dá conta do importante que foi a cidade para el". Pablo López non quixo esquecerse de que este achado confirma que "temos un patrimonio documental valiosísimo nos arquivos xudiciais ao que non se se lle presta especial atención" e o "potencial histórico que teñen os arquivos xudiciais". [galleries:vertical:10790]