Caldas confía a Pedro Calaza a recuperación dos seus espazos verdes máis emblemáticos

Wait 5 sec.

O decano do Colexio de Enxeñería Agrónoma de Galicia, Pedro Calaza, será o responsable de dirixir as obras de restauración da Carballeira e do Xardín Botánico de Caldas de Reis. O tenente de alcalde, Manuel Fariña, amosou a súa satisfacción polo feito de contar cun profesional de prestixio recoñecido, con amplo coñecemento e implicación neste proxecto dende hai anos. Fariña destacou que Calaza xa elaborara en 2019 o Plan Director que servirá agora de guía para esta rehabilitación. "Coñece ao detalle o estado da Carballeira e sabe perfectamente por onde comezar. O seu nivel profesional é incuestionable, e iso permítenos avanzar sen perder tempo", sinalou. De feito, este mércores están previstas as primeiras reunións para poñer en marcha os traballos, que serán executados pola empresa 'Xestión Ambiental de Contratas S.L.', adxudicataria do contrato. Esta firma comprometeuse a realizar a obra nun prazo reducido de 5 meses, polo que, se todo vai segundo o previsto, a rehabilitación podería estar rematada no mes de marzo. O proxecto, cun orzamento próximo aos 740.000 euros, inclúe accións centradas na recuperación das especies vexetais e formacións botánicas, na mellora das instalacións e equipamentos, e na posta en valor do patrimonio natural e cultural deste espazo tan querido pola veciñanza. Segundo explicou Fariña, todas as intervencións están baseadas no Plan Director de 2019, tamén elaborado por Calaza, que propón unha xestión racional e sustentable para conservar este espazo singular. Entre as actuacións previstas están a mellora da biodiversidade mediante a incorporación de novas especies e reforzo doutras xa existentes, a eliminación de especies invasoras, a recuperación da estrutura orixinal do espazo e intervencións que melloren a calidade visual e ambiental do lugar. Tamén se levarán a cabo estudos específicos sobre o estado das árbores, mellorando o solo para garantir o seu bo desenvolvemento. En canto ás infraestruturas, renovarase o pavimento, o mobiliario e outros elementos como bocas de rego e puntos de luz. Ademais, instalaranse paneis informativos para divulgar o valor natural e histórico do espazo. Xunto coa dirección de obra a cargo de Pedro Calaza, o Concello tamén confiou a coordinación da seguridade e saúde do proxecto ao técnico caldense Santiago Monteagudo Campos. Paralelamente, o Concello está a traballar no deseño da musealización do espazo e na creación dunha experiencia turística que complemente a restauración dos xardíns.