María Vázquez ('O pesadelo das vacas'): "A película visibiliza vítimas da violencia machista ás que moitas veces non se lles dá voz"

Wait 5 sec.

Tras catro semanas que foron "intensas" e cun calendario de traballo "moi apretado", o director Rafa de los Arcos ultima en Lalín a rodaxe da súa ópera prima, a longametraxe O pesadelo ds vacas. Esta película, que ofrece unha mirada con perspectiva de xénero sobre a sociedade no ámbito rural, reflexiona sobre a violencia de xénero e as pegadas que deixa nunha familia. Faino, en concreto, pondo o foco nas outras vítimas da violencia de xénero, as familias dos que teñen que enfrontarse aos terribles actos dos seus seres queridos e que, tras o sucedido, deben xestionar emocionalmente ese trauma. De los Arcos sinala que "é unha historia dura", sobre todo para a súa protagonista, María Vázquez (Matria) "que é a que leva toda a carga emocional" dun filme que busca transmitir a súa idea "o máis nítidamente posible" e facelo cunha linguaxe "axeitada ao noso estilo de narrar". Xunto coa complexidade técnica que acompaña a esta rodaxe, insiste o cineasta, a parte máis difícil está a ser conseguir "manter o mesmo ton e a mesma continuidade emocional". Daniel Froiz, Diego Anido, Rafa de los Arcos e María VázquezPontevedraViva Para el, cunha longa traxectoria no mundo audiovisual, porse á fronte da súa primeira película tamén está a ser todo un reto, xa que afeito a ser un "mercenario" para outros, levar o peso dunha produción como esta "é completamente diferente". "Queres facelo ben, evidentemente, porque é unha cousa que pariches ti e pola que loitaches moito", apunta Rafa de los Arcos, "e todo iso lévalo a cama cada noite", un traballo que en todo caso está a realizar "con ilusión". Durante un descanso da rodaxe, a actriz María Vázquez explicou a PontevedraViva que "estou moi contenta de facer esta película", un filme que, segundo recoñece, tamén afronta con "certo medo" e coa responsabilidade de facer un personaxe "tan complicado" como o seu. A súa Celia, destaca Vázquez, "visibiliza dalgunha maneira" a certas vítimas da violencia machista "ás que moitas veces non se lles dá voz ou que non responden o perfil de vítimas", un papel "que me esixe moito" e que a obrigan a "non desconcentrarme nunca". Ademais, recoñece que "tento coidarme tamén un pouco", xa que a película aborda temas "que me tocan como muller e como persoa" e que, ás veces, "fan que teña ganas de saír correndo e non volver", algo que supera grazas a un equipo "que me coida e me sostén". Aínda que, de entrada, o seu personaxe en O pesadelo das vacas poida lembrar ao seu papel en Matria, María Vázquez defende que "son moi diferentes", non só pola súa orixe -Celia do interior e Ramona de costa-, senón pola súa faceta de emigrante retornada. Regresa ao seu pobo natal para enfrontarse á sombra do seu pai, un home amado e rexeitado a partes iguais, autor dun crime que marcou á familia e a toda a comunidade. "Como pasa moitas veces na vida, Celia marchou de casa fuxindo e rexeitando todo", explica a actriz, ata que decide regresar á súa Galicia natal "para descubrir aos poucos que estaba a fuxir doutra cousa e non das súas orixes". Este proceso de reconstrución, engade Vázquez, lévaa a "amigarse de novo co sitio do que vén", algo que coincide coa súa madurez "e con entender que debe empezar a traballar máis no seu propio interior porque a causa dos seus males non está fóra". Rodaxe en Lalín de 'O pesadelo das vacas'EFE - Xurxo Martínez O pesadelo das vacas forma parte dese esforzo cada vez maior do cine español para descentralizar as súas historias, algo que para a intérprete galega "facía moita falta" porque permite facelas máis universais e "descubrir outras formas de comportamento". "Para min é un orgullo traballar en casa e en galego", subliña María Vázquez, que celebra que o panorama actual estean a triunfar películas galegas, vascas ou catalás "que son moi pequenas" e que ofrecen visións de "zonas moi concretas", enriquecendo o cine patrio. Xunto a ela, á fronte do elenco desta película está o actor Diego Anido (As bestas, Rapa) e outros intérpretes con sólidas carreiras en Galicia como Antía Vidal, Alberto Rodríguez Cunha 'Tatán', Berta Ojea, Denís Gómez, Iria Sobrado, María Costas e Mercedes Castro. A intención dos seus responsables é que esta película, producida pola produtora pontevedresa Matriuska Producciones, poida estrearse na primeira metade de 2027. Aínda que segundo recoñece o seu director, a súa data de estrea "dependerá de se logramos entrar no circuíto de festivais", algo que condicionaría a súa distribución posterior.