O pleno da Corporación de Pontevedra do mes de outubro celebrarase o vindeiro luns 20 de outubro e un dos asuntos que estará sobre a mesa será unha moción do PSOE que propón a formalización dun acordo co Consorcio da Zona Franca de Vigo para estudar a localización, viabilidade e execución de novas áreas de solo industrial no término municipal. Esa moción abordouse este martes na Xunta de Portavoces e tivo o voto en contra do PP e a abstención do BNG, pero igualmente irá á sesión plenaria e, á marxe do resultado da votación, o asunto si formará parte da actualidade política municipal. O alcalde, Migue Anxo Fernández Lores, explicou este martes, a preguntas dos xornalistas, que, á marxe do resultado da moción, "si que teremos unha interlocución" coa Zona Franca, que ten como delegado especial do Estado a David Regades, líder provincial do PSOE. Anunciou que se poñerán en contacto co Consorcio "para ter unha reunión e para falar destas cuestións". Falando de prazos, sinalou que "depende das axendas" do propio Lores e de Regades. "Como non imos sentarnos a falar dese tema?", preguntouse Lores, que asegurou que están "abertos a negociar". Recoñeceu o alcalde que a primeira proposta nesta liña xurdiu "como campaña electoral" por parte do PSOE, de maneira que o equipo de goberno "tomámolo como unha cuestión partidaria", xa que non falaron co alcalde, senón co voceiro do PSOE. En todo caso, agora que o asunto volve estar sobre a mesa, si quere falar sobre o particular. A proposta do PSOE fala sobre novas áreas de solo industrial, pero Lores abre o abano de posibilidades a outro tipo de actividades de promoción económica, desde un viveiro de empresas a un coworking. "Imos ver que podemos facer e que pode facer a Zona Franca tamén", sinalou. Tamén lembrou Lores que hai tempo xa falara coa anterior responsable da Zona Franca, a 'popular' Teresa Pedrosa, "e non houbo maneira de concretar nada".