A Fundación Juan XXIII presentará o sábado 22 de outubro o seu novo proxecto "Botánico do Lago Castiñeiras", unha iniciativa que pretende crear emprego de calidade para persoas con discapacidade intelectual no parque forestal de Cotorredondo onde se atopa o Lago de Castiñeiras. O proxecto articúlase baixo tres puntos fundamentais: necesidade social e ambiental, dignidade a través do emprego de calidade e exemplo como modelo replicable. A iniciativa busca xerar un impacto social transformador normalizando o emprego das persoas con discapacidade e promovendo a súa participación social autónoma. Entre as actividades previstas destacan a posta en marcha dunha cafetería como punto de encontro sociolaboral, un espazo de venda de plantas e artigos de xardinería, xardíns temáticos con valor didáctico e un viveiro para a produción de planta forestal autóctona. Estas accións permitirán xerar ingresos propios para a sostibilidade do proxecto. A proposta inclúe tamén actividades de educación social e ambiental dirixidas a escolares, promoción do ocio na natureza liderada por persoas con discapacidade cualificadas profesionalmente, e formación técnica baixo a modalidade dual para facilitar a inserción laboral. Actividade no Botánico do Lago de CastiñeirasFundación Juan XXIII A proposta desenvolverase por fases para permitir o autofinanciamento, combinando fondos propios das actividades con colaboracións estratéxicas de entidades públicas e privadas. Na fase actual (2025-2026), o proxecto centrarase na rehabilitación dun espazo destinado a cafetería e na creación de xardíns temáticos. A iniciativa aspira a contribuír tamén ao desenvolvemento local das comarcas de Pontevedra e o Morrazo, xerando servizos que atraian visitantes e melloren a oferta turística da zona.