JUVENTUD CAMBADOS 2-0 VIVEIRO O Juventud Cambados brindou este fin de semana unha alegría á súa afección tras imporse por 2-0 ao Viveiro. O equipo de Burgáns arrincou con forza o enfrontamento e adiantouse no minuto un cun tanto de Diego Iglesias. Pese á procura do gol do conxunto visitante, os locais seguiron firmes en defensa e mantiveron a portaría a cero, conseguindo sentenciar no minuto 69 cun novo tanto de Diego Iglesias que puña o 2-0 final. Consulta a acta neste enlace RÁCING VILLALBÉS 3-1 AROSA O conxunto arlequinado viu freada a súa boa serie en casa dun Rácing Villalbés ao que se lle puxo o partido de face nada máis comezar. E é que se cumpriu nin máis nin menos que o minuto un, cando Make aproveitou un erro defensivo para superar no man a man a Manu Cabaco. Non deu tempo ao Arosa a asimilar o mazazo inicial e, ao cuarto de hora, viu como Pablo Trigo, noutro roubo de balón, puña o 2-0 que caía como un xerro de auga fría na parroquia visitante. A defensa do equipo de Vilagarcía facía augas, pero aínda quedaba outro golpe na primeira metade en forma de dobrete de Pablo Trigo tras rematar un centro de vaselina. Tras o paso polos vestiarios, Gonza Fernández moveu o banco e aínda que se pasou a xogar máis no campo do Villalbés, o Arosa non conseguía xerar o suficiente perigo en área rival. Continuou insistindo o equipo arlequinado e atopou o tanto cando quedaban cinco minutos para a conclusión do partido cun remate de Remeseiro que supuxo o 3-1. Consulta a acta neste enlace CÉLTIGA 0-3 BOIRO O que tamén sufriu unha dura derrota este fin de semana foi o equipo da Illa, que caeu ante o Boiro por 0-3. O partido empezóuselle a escapar desde moi pronto ao Céltiga, que viu como o conxunto visitante adiantábase ao seis minutos cun tanto de Landeira. Aínda que os da Illa tentaron reaccionar tanto no primeiro tempo como na segunda metade, foi insuficiente, e foi o Boiro o que ampliou distancias no 73 cun tanto de Yosi. Xa no desconto, Enjamio pechou o marcador co 0-3. Consulta a acta neste enlace