Protesta baixo a chuvia contra a Variante Oeste en Portas

Wait 5 sec.

Veciñanza de Portas protagonizou este domingo 19 de outubro unha andaina reivindicativa convocada pola Plataforma Variante NON, que desafiou a intensa chuvia para manifestar o seu rexeitamento ao proxecto da Variante Oeste. Decenas de veciños e veciñas de Portas e Caldas de Reis, acompañados polo tenente de alcalde de Portas, Alfonso Vázquez, percorreron cinco quilómetros baixo o lema "Variante NON, queremos outra solución". A mobilización, que se desenvolveu entre a rotonda de Tivo e diferentes puntos do trazado previsto, demostrou a unidade e determinación da cidadanía fronte a unha infraestrutura que, segundo denuncian, "vai estragar o rural sen solucionar nada". O Concello de Portas, representado por Alfonso Vázquez, reiterou o seu apoio á veciñanza, lembrando que o pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción contraria ao trazado actual. Alfonso Vázquez destacou "a forza e o compromiso da cidadanía de Portas, que defende con orgullo o seu territorio e o seu modo de vida rural". O goberno local insta o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a "escoitar ás administracións locais e procurar alternativas máis sostibles e respectuosas co medio e coa veciñanza". A Plataforma Variante NON anunciou que continuará coas accións informativas e mobilizacións nos vindeiros meses, buscando a paralización do actual trazado e a apertura dun diálogo real coa veciñanza afectada.