A Xunta de Galicia anunciou este domingo un investimento de máis de 2,4 millóns de euros para a creación dunha zona de inundación controlada en Valdecorvos.. Esta actuación, que figura como un dos principais investimentos na comarca dentro dos orzamentos autonómicos para o ano 2026, pretende dar unha solución definitiva á problemática das enchentes que afectan a decenas de residentes da zona de Padre Fernando Olmedo, un problema agravado nos últimos anos. O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, avanzou a dotación orzamentaria, froito da demanda veciñal despois de que a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitara a zona na contorna do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Vázquez mantivo ese encontro no mes de maio cos representantes dos afectados para estudar, xunto a persoal técnico de Augas de Galicia, as alternativas que permitan laminar o caudal do río Valdecorvos en caso de choivas intensas. Con esta fórmula búscase controlar os crecementos do caudal e minimizar o impacto dos desbordamentos. A creación da área de recollida de auga complementarase con medidas de restauración fluvial, retención de auga e melloras na rede de saneamento municipal, factores que contribúen significativamente ás inundacións nas zonas máis baixas. A materialización deste proxecto dependerá dun acordo entre a Xunta e o goberno municipal do Concello de Pontevedra. A conselleira Ángeles Vázquez con veciñanza de Fernando OlmedoXunta de Galicia Reguera valorou "moi positivamente" este e outros investimentos que se darán a coñecer nos próximos días, asegurando que "non teño dúbidas de que os técnicos da Consellería e de Augas de Galicia elaborarán o mellor proxecto posible para dar solución a esta problemática, tendo en conta as condicións da zona, a tecnoloxía dispoñible e o coidado patrimonial e medioambiental".