No medio dunha gran expectación. Así se estreou en Pontevedra a película Me has robado el corazón. Os seus protagonistas, os actores Óscar Casas e Ana Jara, non quixeron perderse un evento que volveu a situar á cidade do Lérez no firmamento cinematográfico. Foron moitos os pontevedreses que acudiron ás portas do Museo de Pontevedra para ver aos dous actores, moi populares entre o público máis novo. Sen deixar ao carón o sorriso, non se cansaron de facerse fotos cos seus seguidores e asinar numerosos autógrafos. Xunto a eles, a parella protagonista estivo acompañada por gran parte do elenco desta película, unha comedia romántica dirixida por Chus Gutiérrez (Insomnio, Ciudad Delirio) e producida pola compañía galega Ficción Producciones (Punto Nemo, Operación Marea Negra). Así, actores como Antonio Pagudo (La que se avecina), Xurxo Carreño, Lucia Veiga (Rapa) e o pontevedrés Francis Lorenzo (La caza) tamén acudiron ao evento. Antes da proxección, Óscar Casas explicaba a PontevedraViva que esta película lle permitiu reencontrarse coas súas raíces galegas. "Volver a Galicia e traballar por primeira vez aquí foi moi bonito", aseguraba o actor, que estivo arroupado nesta estrea por parte da súa familia. Estrea en Pontevedra da película 'Me has robado el corazón' con Óscar Casas e Ana JaraCristina Saiz "Xuntáronse moitas emocións", recoñeceu Casas, que con esta película puido percorrer "lugares que coñezo e outros que puiden descubrir nesta película", rodada en Verín e Laza en pleno Entroido ou en zonas costeiras como Cambados e O Grove. Este intérprete de orixe galega, irmán do tamén actor Mario Casas, afirma estar "moi orgulloso" de traballar nunha comedia romántica "preciosa" e que "non pretende máis que sacar un sorriso ao espectador". Para el, foi "a mellor rodaxe na que estiven nunca". "Creo que todo o mundo fixo un traballo precioso e sinto que si que lles imos a roubar un pouquiño o corazón á xente", engadiu, sobre todo aos galegos, aos que, entre risas, pediulles que "non me odien moito" por un acento "que fixen co maior respecto posible". Para Ana Jara, coñecida polo seu papel na serie 4 estrellas, rodar esta película en Galicia foi unha "aventura preciosa e moi bonita" e asegurou que lle ten "moito agarimo" a esta película. Destacou que Me has robado el corazón é unha comedia "das que ás veces faltan no cine" e da que o público "pode saír con esa sensación de querer namorarse". Con ela, subliñou, puido coñecer moitas das tradicións galegas, especialmente as vinculadas aos entroidos tradicionais de Ourense, "e acolléronnos con moita paixón". Na Lanzada, O Grove e San Vicente do Mar, engadiu, "fun moi feliz e parecéronme incribles". Estrea en Pontevedra da película 'Me has robado el corazón' con Óscar Casas e Ana JaraCristina Saiz A película, unha idea orixinal do pontevedrés Alberto Arruty, que debuta como guionista en cine, inspírase nun feito real ocorrido en Estados Unidos. Conta a historia de Eric (Casas), un novo enxeñeiro, que tras coñecer a BeiVerara (Jara) nunha app de citas, engánaa para que sexa a súa condutora na súa fuxida cara a Galicia. O que ela descoñece é que el roubou un banco en Madrid e que a policía os persegue. O filme, que coa súa proxección en Pontevedra demostrou ser unha comedia romántica moi entretida, conta entre o seu elenco tamén cos actores Luís Zahera, Miguel de Lira, Ana Milán, Arturo Valls, Alba Gutiérrez, Mario Marzo, Pol Granch ou Juan Amoedo. Un longo de aplauso de varios minutos, por parte dun público entregado e que seguiu a película entre gargalladas, puxo o broche de ouro a unha noite na que a alfombra vermella do cine volveuse a despregar nunha cidade cada vez máis vinculada co mundo do celuloide. Tras o seu paso por salas, esta película, que está distribuída por Sony Pictures International Productions, estará dispoñible na plataforma Prime Vídeo. [galleries:vertical:10910]