Esquerda Unida de O Grove pide explicacións ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) tras ter acceso á información de que un facultativo atendía consultas no centro de saúde da localidade sen figurar como profesional en activo. Este partido ve "especial gravidade" na situación, pois constatou que "estivo atendendo na súa consulta habitual" malia que o Sergas "certificou oficialmente que non exerce actividade profesional en ningún dos centros dependentes do sistema sanitario público galego". O voceiro de EU, José Antonio Otero, considera que a situación "non só é irregular, senón completamente inadmisible nun servizo público esencial como é a atención primaria". "Non falamos dunha confusión administrativa menor, senón dun feito gravísimo", sinala Otero, que cualifica a situación de "insólita e de extrema gravidade". A formación lembra que os problemas arredor deste facultativo remóntanse a 2024, cando "comezaron episodios reiterados de ausencias inxustificadas, presencia en estado embriaguez e outras condutas inapropiadas", que derivaron en denuncias formais e mesmo intervención policial. Tras estes feitos, en outubro ou novembro dese ano, o doutor deixou de exercer e permaneceu afastado da actividade durante case un ano. Porén, hai uns meses reincorporouse á consulta e os pacientes aseguran que "persistían as mesmas irregularidades", o que motivou novas reclamacións. Nese momento, segundo EU, o Sergsa respondeu por escrito indicando que o facultativo non exerce en ningún centro público, unha afirmación que, segundo este partido, "implicaría que non debería estar pasando consulta". Esquerda Unida tivo acceso esta semana a esta información. Foi unha resposta oficial do Sergas o 26 de novembro ás denuncias de pacientes. "Estamos ante unha situación absolutamente excepcional e xuridicamente inexplicable", afirma Otero. "Se o Sergas asegura que non está en activo, quen autorizou a súa presenza? Como é posible que accedese ás instalacións e á historia clínica dos pacientes? Que controis fallaron para permitir algo así?", pregúntase. Esquerda Unida esixe ao Sergas explicacións urxentes, transparencia total e a apertura inmediata dunha investigación que esclareza como se puido producir unha situación de tal magnitude. O grupo municipal reclama tamén responsabilidades políticas e organizativas polo que consideran "un fallo sistémico intolerable".