Luz verde á concesión por parte do Concello de Pontevedra das subvencións destinadas a sufragar a actividade das Escolas Deportivas Municipais na presente tempada 2025/2026. Así o anunciou este mércores o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Segundo o rexedor o importe total das axudas ascende nesta ocasión a 190.335,19 euros divididos en tres categorías. Todo iso respondendo a todas as solicitudes presentadas. En concreto o groso das axudas correspóndense a 33 entidades que xestionan unha escola deportiva, cunha repartición económica (160.024 euros) que se divide entre a actividade desenvolvida en 2025 (25%) e a prevista en 2026 (75%). Ademais seis ANPAs de diferentes parroquias recibiron axuda para desenvolver unha actividade (16.712 euros). Por último cinco entidades foron beneficiadas con 13.599 euros para poñer en marcha escolas deportivas para grupos especiais. Son o Club Natación Galaico, Club TaekwondoTaekanart, Club Deportivo Juan XXIII, Club Deportivo Méndez Núñez e Baloncesto Estudiantes Pontevedra.