Organizan un acto multidisciplinar para denunciar que o xenocidio persiste en Gaza

Wait 5 sec.

A sociedade vilagarciá poderá volver demandar o fin do xenocidio de Gaza e dos demais conflitos bélicos que asolan o mundo a través do 'Acto contra a guerra e o xenocidio' que se desenvolverá este sábado, 13 de decembro, no Auditorio a partir das 20:00 horas. Será a través dunha actividade multidisciplinar organizada polo palestino Anan Abdalah na que confluirán xornalismo, universidade, poesía, música e activismo e que contará coa presenza do alcalde, Alberto Varela. A entrada é libre e de balde. Na presentación do acto, celebrada este xoves no Concello de Vilagarcía, Abdalah foi contundente á hora de sinalar que "o xenocidio en Gaza persiste. O acordo de paz foi teatro puro e duro, e Israel segue matando e deixando morrer aos palestinos". Segundo o doutor afincado en Galicia, "cando se poidan contabilizar todos os mortos que hai debaixo dos escombros dos edificios de Gaza, a cifra dos 70.000 que se está dando actualmente, multiplicarase por cinco". Pero o acto non se limitará á terrible situación que sofre o pobo palestino. A esixencia de paz faise extensiva a todas as guerras que están en activo nestes momentos no mundo como Ucraína ou Sudán.... "Desgraciadamente son moitas, polo que en representación de todas elas, o sábado imos sinalar unha por continente", explicou Anan. O alcalde agradeceu ao palestino o seu activismo e a organización de actos como este "que nos volven poñer en alerta e nos dan a oportunidade de reflexionar, de non deixar de denunciar e de non esquecer todos estes atentados contra a humanidade". Varela asegurou que o Concello seguirá apoiando e participando neste tipo de manifestacións de rexeitamento e condena contra as guerras e o xenocidio de Gaza. De feito, el mesmo será quen abra o acto do sábado, tras o cal, Abdalah fará unha introdución ás orixes, causas e situación do conflito entre Israel e Palestina. A xornada contará coa presenza do ex correspondente de guerra Alfonso Armada, que contará a súa experiencia persoal cubrindo o conflito dos Balcáns e o de Ruanda. Será baixo o formato da entrevista que lle fará o xornalista de la Voz de Galicia, Serxio González. Tamén como representantes da prensa local intervirán a redactora de Diario de Arousa, Fátima Frieiro, e Fernando Salgado, do Diario de Pontevedra. A catedrática en Dereito Internacional da Universidade de Vigo, Laura Carballo, explicará algúns dos aspectos legais dos conflitos armados en xeral, e en particular, dos aplicables ao xenocidio de Gaza. E no acto lerase un manifesto contra as guerras e a favor da paz. A parte musical correrá da man dos músicos locais Juan Carlos Porto (piano) e Jorge Ortal (violín), e da cantante Alba Rodríguez, que interpretará dúas cancións. A poesía tamén estará presente, cun recital de versos galegos, en castelán e en árabe, neste último caso, a través da obra dun famoso poeta que sufriu o exilio en vida e ao que incluso se lle impediu ser soterrado na súa terra natal. A politóloga española de orixe árabe, Nour-Al Hussen, será quen os recite.