Música urbana e un taller gastronómico deixarán sabor no Pazo de Nadal de Sanxenxo

Wait 5 sec.

Un calendario municipal deseñado para atraer a públicos de todas as idades ofrece unha programación para estas datas que inclúe tanto expresións da cultura urbana como un profundo recoñecemento ao legado gastronómico galego. Unha das citas máis destacadas, especialmente dirixida á mocidade e ao público adolescente, é o Encontro de Música Urbana de Vella Escola. Esta iniciativa, que se suma ao calendario festivo, busca ofrecer unha inmersión completa na cultura urbana contemporánea. As persoas asistente poderán mergullarse nunha experiencia dinámica, segura e inspiradora, cunha axenda que inclúe espectáculos en vivo, talleres interactivos de beatbox, breakdance, freestyle e street art, culminando cunha emocionante batalla de galos. A entidade galega Vieja Escuela, referente na organización deste tipo de eventos, garante neste acto formación, espectáculo e participación activa, servindo como plataforma para descubrir o talento local e achegar disciplinas que están a redefinir a escena cultural actual. En contraste, e cun enfoque na memoria e a identidade, o Pazo de Nadal será escenario o vindeiro domingo, 14 de decembro, ás 13:00 horas, dunha das actividades máis especiais desta edición: o taller "De nais a fillas. Receitas para non esquecer… no Nadal". Este evento contará coa presenza dalgunhas das mulleres máis influentes da gastronomía galega das últimas décadas, auténticas pioneiras da cociña profesional na rexión. Estas cociñeiras e hostaleiras son as protagonistas do proxecto editorial "De nais a fillas. Receitas para non esquecer", publicado por Hércules de Ediciones. Doces no Pazo de NadalConcello de Sanxenxo O acto reivindicará o papel fundamental das mulleres que, desde a década do sesenta, moldearon e sostiveron a restauración galega, moito antes de que o sector gozase do recoñecemento e prestixio actuais. Entre as figuras destacadas que participan atópanse referentes como Toñi Vicente, a primeira cociñeira galega en obter unha Estrela Michelin, xunto a Manicha Bermúdez, Chus González, Maricarmen Rodríguez, Eva Burgos, Ana Gago, Carlota Iglesias, Teri Carballa ou Loli Barreiro, entre outras. O taller concíbese como unha emotiva homenaxe interxeracional, unha oportunidade única para escoitar, aprender e celebrar o legado de quen fixo posible que a gastronomía galega alcance o gran nivel actual. Ademais destas propostas, o Pazo de Nadal mantén citas para o público infantil e familiar. Durante toda a fin de semana, de venres a domingo, entre as 17:00 e as 20:00 horas, o espazo Xogos de Nadal ofrecerá unha zona dedicada aos máis pequenos, con xogos tradicionais, de mesa e actividades participativas que fomentan a creatividade e o xogo en familia. O domingo, ás 17:00 horas, a maxia e o humor encherán o recinto coa visita especial do Trasno Fantástico, un dos personaxes máis queridos polos cativos nestas datas.