Un centenar de futuros profesionais de medicina de urxencias e emerxencias déronse cita este xoves no Hospital do Salnés para afondar na súa formación. O salón de actos do centro hospitalario acolle unha xornada formativa dirixida a residentes de Medicina de Urxencias e Emerxencias baixo o título 'Cousas da urxencia'. A actividade, organizada pola Sociedad Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), conta coa participación coma ponentes de diversos expertos desta especialidade. Este evento ten coma obxectivo proporcionar aos residentes de medicina de urxencia coñecementos e habilidades prácticas para abordar situacións de emerxencia no eido hospitalario. A xornada aborda aspectos clínicos e asistenciais, tales coma a reanimación cardiopulmonar en pacientes críticos, a aplicación e manexo das vías aéreas, os tratamentos broncodilatadores, eidos da xestión das consultas de triaxe, medidas iniciais para asistencia a pacientes con intoxicacións, protocolos de contención para doentes axitados ou atencións a pacientes con politraumatismos, con procesos circulatorios ou casos de shock. A inauguración este xoves contou coa participación do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores; a directora do distrito sanitario de O Salnés, Nuria Iglesias; o presidente nacional de SEMES e xefe de Urxencias do Hospital do Salnés, Manuel 'Tat' Vazquez; o presidente autonómico de SEMES e xefe de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, José Manuel Fandiño; e a coordinadora científica da xornada e adxunta ao servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, Nerea Ares. Todos os participantes sinalaron que, durante esta xornada para os actuais residentes e futuros profesionais da xa recoñecida especialidade de urxencias e emerxencias, vaise ter coma referencia permanente o papel fundamental das boas prácticas asistenciais na atención e seguimento dos pacientes e na mellora dos bos resultados en saúde.