O Concello de Barro presenta numerosas actividades deseñadas para encher de espírito festivo o municipio durante as vindeiras datas. O Pazo da Crega será, unha vez máis, o corazón destas celebracións, transformándose nun espazo "vivo, próximo e cheo de experiencias compartidas", tal e como destacaron os representantes municipais. A proposta, que se estenderá desde o venres 19 de decembro ata o 5 de xaneiro, foi detallada polo alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes; o concelleiro de Cultura, Adrián Silva; e a concelleira responsable da montaxe, Rocío Martínez. Fernández Abraldes salientou que "o Nadal en Barro non é só unha serie de actividades: é unha forma de estar xuntos, de recuperar tradicións e de construír comunidade". A inauguración oficial terá lugar o 19 de decembro coa esperada iluminación do Pazo, un dos momentos máis agardados, e a chegada de Papá Noel para recoller as cartas dos máis pequenos. A xornada inaugural completarase coa actuación de Peter Punk e unha chocolatada que dará o primeiro sabor festivo ao Nadal barrense. Durante as semanas seguintes, Barro ofrecerá unha diversidade de eventos que inclúen desde a audición do alumnado da Escola de Música ata a visita do Apalpador, pasando polo trineo de Papá Noel. Un dos momentos máis especiais será a viaxe polas tradicións galegas do Nadal da man de Lidia Mariño, que culminará co acendido do tizón, unha tradición recuperada nos últimos anos e que tivo unha gran acollida entre a veciñanza. O Pazo da Crega e outros recintos municipais acollerán espectáculos variados para públicos moi distintos: a música en clave humorística de "Molto Barroco", da compañía Píscore; o concerto da Coral Polifónica de Barro e das pandeireteiras de Peñaflor; a maxia de David Maestro; o Mercado de Nadal diante do Centro Cívico; ou o cine familiar con "MUFASA". Tamén haberá actuacións de coros parroquiais, o grupo de acordeóns Rías Baixas e o teatro infantil de Chafallas. A oferta complétase cos obradoiros "Nadal en Verde", tres mañás de actividades gratuítas dirixidas a nenas e nenos de 6 a 12 anos. O 31 de decembro, os máis pequenos poderán gozar das "Badaladas Miúdas", a súa propia celebración de fin de ano en horario de mañá e nun ambiente pensado para eles. Xa na madrugada do día 1 de xaneiro, unha festa diante do Centro Cívico dará a benvida a 2026 para o público adulto. Os primeiros días de xaneiro estarán marcados pola música, cun baile de aninovo con Ana Angueira e un recital de zanfonas e voz a cargo de Suso Vaamonde na Capela do Pazo. Un dos pratos fortes e citas culturais máis destacadas desta edición será a representación de "O Quebranoces", interpretado polo Ballet de Galicia xunto coa Banda de Música Xuvenil de Barro, que converterá a Nave da Música nun escenario de gran formato. O colofón final chegará o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis. As Súas Maxestades recibirán primeiro aos nenos e nenas no Pazo da Crega, acompañados polo Grupo de Danzas Amor Ruibal, antes de emprender a comitiva tradicional ata a Nave da Música. A continaución, agárdase a música de DJ MOE e unha merenda con chocolate e rosca poñerán o punto e final á festa. Rocío Martínez, Xosé Manuel Fernández Abraldes e Adrián Silva presentan o programa de Nadal de BarroConcello de Barro O alcalde aproveitou para agradecer o "traballo incansable das persoas voluntarias" que fan posible que o Pazo "volva lucir como un lugar realmente especial". O rexedor asegurou que "cada ano tentamos mellorar e ofrecer unha programación que chegue a todas as idades", e que o Pazo da Crega "seguirá sendo un espazo de referencia para quen busca un Nadal diferente, acolledor e auténtico".