A Policía Local de Poio acaba de abrir unha investigación para aclarar as denuncias presentadas por veciños do municipio que alertan de grupos de condutores que se reúnen para competir e incorren en conducións temerarias. Os veciños relatan episodios de competicións e trompos na a zona da Caeira e tamén en Andurique desde o mes de novembro e facilitaron á Policía Local diversos vídeos. A Policía Local de Poio solicita colaboración cidadá para tentar localizar os autores. Un destes veciños formalizou este martes 9 de decembro unha denuncia na que relata un episodio rexistrado sobre as 01:36 horas desta madrugada na glorieta na que conflúen a avenida Antelo Mariño, a rúa Mato Calderón e a estrada de Campañó, en San Salvador de Poio. Este veciño escoitou desde a súa casa "sons de derrape e unha colisión" na glorieta e, ao asomarse, viu que había dous vehículos, un en sentido lexítimo da circulación e e outro en sentido inverso, ambos de pao a pao. Os condutores estaban fóra dos turismos, coas mans na cabeza e, segundo denuncia este veciño, recolleron da estrada restos dos vehículos por unha posible colisión entre ambos no lugar. Este denunciante, presidente dunha comunidade de veciños, relata que inicialmente chamou á Garda Civil de Tráfico de Pontevedra, pero dixéronlle que non tiñan patrulla dispoñible, de modo que decidiu facer un vídeo. Ese vídeo achégase na denuncia e, segundo informa a Policía Local, vese xusto a situación descrita. Ademais, este veciño relata que "é recorrente" que circulen vehículos cuxos condutores levan a cabo condutas temerarias ao volante. Os veciños senten "desamparados ante tales condutas impunes polo lugar". Segundo a información facilitada pola Policía Local, a principios do mes de novembro outra veciña denunciou "continuas conducións temerarias na avenida de Andurique". Esta veciña indicaba que un grupo de mozos "reúnense para competir" e tamén achegou vídeos. Esta mesma veciña indicou que a pasada madrugada tamén estiveron a facer derrapes e moito ruído, de modo que a Policía Local sospeita que os condutores de ambos os episodios poden ter relación.