Até a apertura do próximo mercado invernal de fichaxes, no mes de xaneiro, o Pontevedra Club de Fútbol está condenado a moverse no arame. As lesións e situacións máis aló dos estritamente deportivo obrigaron nas últimas semanas a Rubén Domínguez a "inventar", tal e como el mesmo recoñeceu, aproveitando a polivalencia dos futbolistas. Alain Ribeiro como central, Montoro como centrocapista ou Vidorreta como lateral son algunhas das variacións que tivo que utilizar o técnico na última xornada de liga en Balaídos, fronte o Celta Fortuna, cun gran resultado que reforza o compromiso do grupo e que lle coloca nunha posición desafogada na clasificación. Rubén deu ademais a alternativa primeiro en Copa do Rei e despois en liga ao centrocampista do filial Iago Fernández Outeiriño 'Oute'. Iker Escudero e André, tamén desde o segundo equipo, completaron de feito a convocatoria granate en Balaídos. E é que lonxe das 22 fichas coas que iniciou a tempada, a lesión de Juanra e as situacións de Hervías primeiro e despois de Dani Selma (aínda que entrou nas últimas convocatorias) reduciron a lista de recursos para o técnico, que nas últimas semanas tampouco puido contar con futbolistas importantes como Marqueta ou Garay, aínda que si recuperou xa a outros como Brais Abelenda. En todo caso e desexando deixar atrás definitivamente eses problemas físicos, a ameaza de sancións convértese tamén noutro aspecto a ter en conta. Ante o Celta Fortuna foron seis os xogadores amoestados, especialmente nos últimos minutos cando se tentaba reter a toda costa o 1-2 favorable. Entre eses cartóns, tres situaron aos seus protagonistas na lista de apercibidos, o que significa que cunha amarela máis deberán cumprir un encontro de suspensión. Nada lonxe da realidade habitual dun equipo, pero que no caso de suceder de golpe pode supor todo un problemón para o Pontevedra na actualidade. Eses futbolistas son Montoro, Ander Vidorreta e Víctor Eimil, mentres que Brais Abelenda e Luisao contan con tres cartóns.