O Concello de Vilagarcía decidiu mover ficha para evitar novos atrasos na peonalización da rúa Vicente Risco e dun tramo da Praza de España. A administración local leva meses pendente do informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta que é preceptivo ao tratarse dunha zona de interese histórico, pero optou por adiantar traballo iniciando xa o proceso de contratación da obra. O outro ditame necesario, o de Augas de Galicia, xa é favorable desde hai tempo. A licitación foi publicada este martes na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas teñen ata o 29 de decembro para presentar propostas. O proxecto conta cun orzamento base de 400.000 euros, un prazo de execución de oito meses e está incluído no acordo que acompañará ao Presuposto Municipal de 2025. A peonalización de Vicente Risco continuará a humanización da rúa Covadonga e permitirá completar a remodelación da Praza de España, reforzando así a cohesión do centro urbano. O proxecto leva a sinatura do arquitecto Iago Fernández Puentes, responsable doutras intervencións relevantes como a propia Praza de España ou a rúa do Río. Prevese un pavimento continuo de plataforma única elaborado con tres tipos de granito (silvestre moreno, gris alba e gris Mondariz), con laxas de 15 centímetros de grosor para garantir a durabilidade. Un dos puntos destacados será a creación dunha zona verde xunto aos edificios máis altos, con céspede, herbas aromáticas e bidueiros. No lado oposto, o corredor peonil poñerá en valor as edificacións baixas de comezos do século XX, características da arquitectura tradicional vilagarciá. A obra completarase coa instalación de bancos de aceiro cortén e madeira de iroco, seguindo a liña estética da Praza de España, onde tamén se colocarán dúas bancadas adicionais no sector sur do xardín. Ademais, renovaranse as redes de saneamento e pluviais e soterraranse os tendidos eléctricos e de telecomunicacións. Redistribución de espazos na Praza de Abastos A Xunta de Goberno Local tamén aprobou contratar a redacción dun anteproxecto para reformar e redistribuír os espazos da Praza de Abastos de Vilagarcía, co fin de seguir mellorando o Mercado Excelente. A iniciativa responde ás suxestións da auditoría autonómica para renovar o selo de calidade, que recomenda melloras no interiorismo, iluminación, presentación dos produtos e pequenos arranxos de mantemento. O anteproxecto, encargado á empresa b+t arquitectos por 17.908 euros e cun prazo de dous meses, incluirá unha análise da oferta e ocupación do mercado, propostas de mellora, optimización dos usos, imaxes 3D e unha estimación do custo da obra, co obxectivo de incrementar a puntuación para renovar o selo de Mercado Excelente. Actuacións nos colexios de Bamio e Rubiáns Paralelamente, o Concello adxudicou este martes dous pequenos proxectos de mellora nos centros educativos do Vilar-Bamio e de Rubiáns, cun investimento total de 13.068 euros e executados pola empresa Reformas Trébol. Na escola unitaria de Bamio limparanse os canlóns, obstruídos por herbas e restos transportados polos paxaros, para evitar filtracións no patio cuberto. A intervención abrangue todo o perímetro do edificio e inclúe a instalación dun novo canlón superior e a aplicación de pintura impermeabilizante. O custo ascende a 4.114 euros. No CEIP Plurilingüe de Rubiáns, a obturación das canalizacións estaba a provocar unha pingueira no segundo andar. Para solucionalo, limparanse todas as conducións e baixantes e repararanse as limas da zona sur do edificio, cun investimento de 8.954 euros.