Un ano máis, os festivais de música que se celebran nas Rías Baixas coáronse entre os favoritos dos Iberian Festival Awards, os premios que se reparten aos mellores eventos deste tipo que se celebran en España e Portugal. Até 61 nomeamentos recibiron no seu conxunto os festivais SonRías Baixas (13), PortAmérica (12), Surfing the Lérez (12), Bigsound Pontevedra (8), Revenidas (8) e Festival Sinsal SON Estrella Galicia (8). A eles súmase a Festa do Marisco do Grove que, por segundo consecutivo, opta ao premio que os Iberian Festival Awards reservan para a mellor festividade. Nas principais categorías, PortAmérica e Bigsound Pontevedra optan ao premio ao mellor festival de gran formato, mentres que Surfing the Lérez, Revenidas e SonRías Baixas competirán polo galardón a mellor festival de mediano formato. O Sinsal SON Estrella Galicia é o único, pola súa banda, na categoría de mellor festival de pequeno formato e Bigsound Pontevedra tamén foi nomeado como mellor festival novo. Os festivais pontevedreses tamén foron nomeados pola súa programación e, a maiores do Sinsal, PortAmérica, Revenidas e Surfing the Lérez, candidatos a mellor programación cultural no seu conxunto, moitas das súas actuacións foron recoñecidas pola súa calidade. Así, poderán levar o premio a mellor actuación en directo Grande Amore (Surfing the Lérez), Rels B (Bigsound Pontevedra), Melendi (PortAmérica), Riot Propaganda (Revenidas) e La Raíz (SonRías Baixas) e, en internacional, Emilia (PortAmérica) e The Baboon Show (Revenidas). NDLR (SonRías Baixas), Ovy on the drums (Bigsound Pontevedra) e Señora DJ (Surfing the Lérez), pola súa banda, lograron nomeamento como mellor actuación electrónica. O seis festivais coinciden como candidatos á mellor promoción turística e ao premio ao mellor aloxamento e recepción de visitantes competirán todos menos o Surfing the Lérez. Manu González (Bigsound Pontevedra), Arturo de Lucas (PortAmérica), Beatriz Ciscar (Surfing the Lérez), Alberto Lora (Revenidas) e Javier Bragado (SonRías Baixas) son finalistas á mellor foto e Esmerarte (PortAmérica), Somos de Primera (Surfing the Lérez), Xoan Tourís (Revenidas) e Trece Amarillo (SonRías Baixas) á mellor cobertura en vídeo. A maiores, ao premio á mellor comunicación e estratexia de mercadotecnia foron nomeados PortAmérica, Surfing the Lérez, SonRías Baixas e Sinsal SON Estrella Galicia. Hai ademais nomeamentos na categoría de contribución á sustentabilidade para PortAmérica, Surfing the Lérez, Sinsal SON Estrella Galicia e SonRías Baixas e na de contribución á igualdade só para este tres últimos. As candidaturas complétanse cos nomeamentos como mellor activación de marca para Fnac (PortAmérica), Vibra Mahou (Surfing the Lérez) e El Águila (SonRías Baixas) e a de Idasfest (SonRías Baixas) como mellor provedor de servizos. Os Iberian Festival Awards, que en 2026 chegan á súa décima edición, entregaranse na cerimonia que se celebrará o 14 de marzo en Ponta Delgada, a capital das illas Azores.